Aitor Bouza PARLAMENTO DE GALICIA Vivenda 30 de diciembre de 2025

O Grupo Socialista denuncia a parálise da Xunta en vivenda tras executar só no 15,5 por cento dos 103,5 millóns de fondos dispoñibles

Aitor Bouza considera un “insulto á cidadanía” que a única medida da Xunta sexa habilitar minipisos de 30 metros cadrados cando ten 87,5 millóns de euros do programa de Acceso á Vivenda sen executar

 

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle á Xunta que execute os fondos do programa de Acceso á Vivenda, que no terceiro trimestre de 2025 só ten executado un 15,5 por cento dos 103,5 millóns de crédito vixente. Bouza presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que garanta que os recursos orzamentarios en materia de vivenda “cheguen á cidadanía”.

 

Bouza considera un “insulto á intelixencia dos galegos e das galegas” que a medida estrela en materia de vivenda sexa modificar a Lei de Acompañamento para reducir as condicións de habitabilidade das vivendas e habilitar “cuchitrís de 30 metros cadrados para meter á mocidade e ás familias”. E todo isto, dixo, cando teñen 87,5 millóns de euros de crédito do programa de Acceso á Vivenda pendentes de executar.

 

O responsable socialista sinala que esta cifra “evidencia a parálise e a incapacidade do Goberno galego para transformar en feitos reais os compromisos que anuncia en materia de vivenda”. Advirte que “a cidadanía non pode esperar a que a Xunta xestione con máis dilixencia”, e sinala a urxencia de que “poñan en marcha as medidas comprometidas, garantindo que os recursos orzamentarios chegan de forma efectiva ás persoas que precisan dunha vivenda digna”.

 

Explica que a Xunta ten “a responsabilidade de garantir políticas activas que faciliten o dereito á vivenda”, e reclama que presenten no Parlamento un Plan detallado que concrete as actuacións que van desenvolver no marco do programa de Acceso á Vivenda ata o remate do ano 2026, “que inclúa “prazos, obxectivos e indicadores de seguimento”

Noticias relacionadas