infancia Mocidade PARLAMENTO DE GALICIA 18 de diciembre de 2025

O Grupo Socialista sinala que a Xunta limita as políticas contra a pobreza infantil a «medidas paliativas para ‘maquear’ a situación e seguir tirando»

Silvia Longueira critica que a Xunta está a deixar as medidas estruturais nas mans do goberno de España e reclama un enfoque transversal dos dereitos da infancia dende Galicia

 

A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Silvia Longueira, criticou hoxe a falta de políticas estruturais da Xunta para garantir os dereitos da infancia e a loita contra a pobreza infantil. Na comparecencia do director xeral de Infancia para dar conta da implantación en Galicia da Garantía Infantil Europea, advertiu que as xestións da Xunta limítanse a “medidas paliativas para maquear a situación e seguir tirando”.

 

Longueira reclamou un “enfoque estrutural” nas políticas de dereitos da infancia postas en marcha polo goberno galego, que deixa as políticas estruturais de loita contra a pobreza infantil en mans do goberno central, da UE ou dos concellos. Afeoulle ao director xeral que a maior parte dos 140 millóns de euros do programa dentro da planificación da Garantía Infantil Europea proceden precisamente da UE.

 

Ademais, advertiu que a día de hoxe falta unha avaliación polo miúdo do impacto das medidas do goberno galego, que continúa sen explicar cando estas parten da Comunidade Autónoma e cando derivan de outras administracións.

 

Explicou que hoxe hai en Galicia 58.000 menores en situación de pobreza, un 13 por cento da poboación de 0 a 18 anos, e puxo en cuestión a “falla de modelo” do PP para a infancia máis alá de “bonos familia, tarxetas benvida e pseudo gratuidade das escolas infantís”, e sinalou que “a escolarización total non é un modelo, é un obxectivo”.

 

A parlamentaria socialista explicou así que a pobreza infantil baixa tamén en Galicia polas medidas postas en marcha polo goberno de España, como a suba do salario mínimo  -coa oposición frontal do PP-, a reforma laboral, que garante máis estabilidade ao emprego precarizado e feminizado ou o Ingreso Mínimo Vital.

Noticias relacionadas