A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez e a secretaria de Igualdade do partido, Silvia Fraga, reuniron esta tarde ao grupo de Igualdade do PSdeG-PSOE onde se aprobou un manifesto que reclama máis garantías internas, canles seguras para denunciar e mecanismos efectivos de protección fronte ás condutas machistas
O PSdeG celebrou esta tarde na súa sede nacional unha reunión de traballo convocada por Lara Méndez e Silvia Fraga, na que participaron mulleres do Grupo de Igualdade do PSdeG-PSOE. No encontro aprobouse un manifesto que recolle a necesidade de fortalecer as garantías internas, reforzar os procedementos de actuación e consolidar espazos seguros para que calquera muller poida denunciar situacións de acoso ou comportamentos machistas dentro da organización.
O documento, que será remitido aos órganos competentes do partido, aposta por mellorar a transparencia dos procedementos, asegurar prazos claros, activar medidas cautelares proporcionadas e garantir acompañamento psicolóxico e xurídico ás mulleres que poidan verse afectadas. As participantes insistiron na importancia de manter estruturas internas sólidas, operativas e dotadas de recursos suficientes para actuar con axilidade en todos os casos.
Insistiron tamén no apoio a todas a mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas “dentro e fora do noso partido”, e afirmaron “que os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal”.
Trala aprobación do manifesto, Lara Méndez subliñou o compromiso político do PSdeG insistindo en que “somos o partido que máis avanzou na defensa da igualdade neste país. Todos os grandes pasos adiante deron comezo con gobernos socialistas, porque nós entendemos que a igualdade non se defende só con discursos, senón con feitos, normas claras e decisións valentes. Por iso reforzamos os nosos mecanismos internos e por iso tamén pedimos ao resto de partidos que fagan o mesmo.”
A dirixente socialista lembrou, ademais, que o PSOE foi pioneiro en habilitar un canal antiacoso interno, operativo e verificable, e convidou a todas as organizacións políticas a adoptar ferramentas similares para garantir protección efectiva e contornas libres de violencia.
Para pechar o encontro, as mulleres participantes insistiron na importancia de que o manifesto se converta nun documento útil e vivo, e que o traballo que recolle sirva para seguir avanzando nun partido máis seguro para as mulleres e máis igualitario.
MANIFESTO GRUPO DE IGUALDADE PSdeG-PSOE
O machismo segue a operar como un sistema estrutural que condiciona todas as dimensións da vida colectiva: institucionais, sociais, económicas e tamén políticas. As organizacións políticas non están fóra desta realidade e o PSOE, como forza comprometida coa igualdade e coa democracia, tampouco pode considerarse inmune ás lóxicas patriarcais que persisten e se reproducen cando non se desafían con decisión. Por iso, desde unha posición feminista clara, traballaremos para seguir dotándonos de mecanismos reais de transformación que garantan unha igualdade plena, efectiva e verificable, que aliñen os discursos coa práctica dos principios socialistas e feministas.
As mulleres do PSdeG-PSOE manifestamos o noso apoio a todas a mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas dentro e fora do noso partido, afirmamos que os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal. Cando estas dinámicas non se afrontan con contundencia, remátase protexendo ao agresor, desamparando as vítimas e poñendo en risco a credibilidade dun proxecto que sempre fixo da igualdade un piar democrático fundamental. Polo tanto aplicaremos a coherencia, firmeza e responsabilidade política que se espera do noso Partido como sempre se ten feito.
Por todo o exposto, propoñemos a adopción das seguintes medidas:
- Cumprir con total rigor os compromisos adquiridos no Comité Federal de xullo, activando de inmediato todos os procedementos internos diante de calquera expresión de violencia machista no seo do PSOE.
- Impulsar iniciativas lexislativas que establezan que todos os partidos políticos se deben dotar das ferramentas necesarias para protexer as vítimas e posibilitar a denuncia interna de comportamentos machistas dentro dos seus partidos políticos.
- Garantir a máxima transparencia e información accesible para a militancia, adoptando decisións consecuentes que reforcen a posición inequívoca do PSOE contra a violencia estrutural que sufrimos as mulleres.
- Asegurar garantías procesuais sólidas en todos os procedementos internos de defensa da igualdade, incluíndo:
- independencia e especialización das comisións instrutoras,
- prazos claros e non dilatorios,
- medidas cautelares proporcionadas e efectivas para a protección das vítimas,
- dereito das denunciantes a ser informadas de cada fase do proceso.
- Escoitar, acompañar e reparar ás vítimas, establecendo canles seguras de comunicación, equipos especializados que garantan apoio psicolóxico e xurídico, e medidas efectivas de reparación do dano causado, tanto a nivel persoal como organizativo.
- Expresar unha desculpa pública ás vítimas e ao conxunto das mulleres, por parte dos órganos competentes, como acto de responsabilidade institucional e recoñecemento do sufrimento causado.
- Implantar de maneira integral e transversal a perspectiva feminista en toda a estrutura orgánica, reforzando a avaliación e seguimento dos protocolos contra o acoso sexual, garantindo a súa aplicación efectiva e establecendo consecuencias proporcionais e inequívocas ante o seu incumprimento.
- Establecer formación obrigatoria, periódica e certificada en igualdade, violencia machista e cultura democrática para toda a militancia e, especialmente, para cadros orgánicos e cargos públicos, incluíndo:
- formación xurídica básica en materia de violencia de xénero,
- formación en detección de sinais de risco e acompañamento,
- formación específica en prevención de dinámicas patriarcais e abusos de poder.
- Recuperar o Consello Asesor de Igualdade do PSOE como un sistema reforzado de auditoría interna feminista, independente e con presenza de expertas externas, que avalíe anualmente:
- cumprimento dos protocolos,
- a eficacia dos procedementos,
- grao de implantación da perspectiva feminista na vida interna do partido,
- as melloras necesarias para evitar a repetición de malas prácticas.
- Pór en marcha un Observatorio de Condutas e Boas Prácticas en Igualdade, que recolla datos, elabore informes e propoña actualizacións normativas para garantir unha organización segura e respectuosa para todas as mulleres.
- Impulsar a visibilización de referentes de masculinidade positiva dentro do partido, favorecendo a implicación activa dos compañeiros socialistas, para seguir contribuíndo a que condutas patriarcais que están normalizadas na sociedade e que tamén afectan ao noso partido, sexan detectadas, condenadas e rexeitadas por toda a militancia socialista.
