Julio Torrado Orzamentos OXG26 19 de diciembre de 2025

Torrado cualifica os Orzamentos da Xunta como «os Orzamentos da soberbia» tralo rexeitamento por parte do PP de máis dun millar de emendas

O socialista denuncia que o PP pecha a porta a calquera proposta para mellorar os servizos públicos e ignora as necesidades reais de Galicia

 

Torrado ironizou con que “se do único que se congratula o PP é de ter presentado os orzamentos en prazo, é porque non ten nada bo que dicir do seu contido:  “Máis nos valería que a Xunta fose igual de puntual co Pladiga, para evitar que Galicia volva arder”

 

O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, cualificou hoxe os Orzamentos da Xunta para 2026 como “os orzamentos da soberbia”, logo de que o Partido Popular rexeitase de maneira sistemática as emendas presentadas polo PSdeG no Parlamento de Galicia.

 

Segundo Torrado, o comportamento do PP durante a tramitación orzamentaria evidencia “unha actitude de desprezo absoluto ao debate democrático e á posibilidade de mellorar uns orzamentos claramente insuficientes”. “Non estamos ante uns orzamentos dialogados nin abertos á sociedade, senón ante un documento pechado, imposto desde a maioría absoluta e alleo á realidade que viven milleiros de galegos e galegas”, advertiu.

 

O voceiro socialista criticou que o Goberno galego optase por rexeitar emendas que buscaban reforzar ámbitos clave como a sanidade, a educación, os servizos sociais, a vivenda ou o apoio ao tecido produtivo, “emendas sensatas, realistas e necesarias, pensadas para dar resposta a problemas concretos”.

 

Torrado subliñou que “cando se rexeitan todas as propostas alleas, o que se está dicindo é que non hai vontade de escoitar” e acusou á Xunta de gobernar “desde a autosuficiencia e a propaganda”, pero non desde a responsabilidade. “Son os orzamentos dun Goberno que cre telo todo feito e que non admite correccións, aínda que a realidade demostra xusto o contrario”, engadiu.

 

Ironizou con que “se do único que se congratula o PP é de ter presentado os orzamentos en prazo, é porque non ten nada bo que dicir do seu contido”, e advertiu de que cumprir o calendario non pode ocultar que se trata duns malos orzamentos. “Máis nos valería que a Xunta fose igual de puntual co Pladiga, para evitar que Galicia volva arder, en vez de presumir de datas mentres falla no esencial”, sentenciou.

 

Tamén lamentou que o PP perda unha oportunidade máis para consensuar uns orzamentos que respondan ás necesidades reais do país e advirte de que “Galicia non pode permitirse uns orzamentos que nacen sen diálogo, sen ambición social e cunha clara falta de empatía cos problemas da xente”.

Noticias relacionadas