Abel Losada Economía Emprego 5 de enero de 2026

O PSdeG denuncia que a política de Rueda lastra o emprego e a economía galega

Abel Losada sinala que o comportamento do emprego en Galicia é claramente peor que no conxunto do Estado e anticipa que o PIB medrará por debaixo de España

 

O secretario de economía do PSdeG, Abel Losada, sinalou hoxe que a política de Rueda de “antepoñer a estratexia electoral do PP en Madrid” ás necesidades da política económica de Galicia está detrás dos resultados económicos e de emprego “altamente insatisfactorios”. O responsable socialista alertou do peor comportamento do mercado laboral en Galicia, que anticipa que o PIB galego medrará en 2025 por debaixo do Estado.

 

Losada fixo estas valoracións logo de coñecer os datos de emprego do ano pasado, que apuntan a que as afiliacións á Seguridade Social medraron en Galicia a metade que no conxunto de España, un 1,64 por cento fronte ao 2,37 por cento do Estado. No mes de decembro a diferenza é aínda máis negativa para Galicia, que perdeu 3.300 empregados á Seguridade Social mentres o conxunto do Estado aumentou 19.000 empregos.

 

En canto ao paro rexistrado, a redución é menos intensa en Galicia, cun 5,7 fronte ao 6 por cento do conxunto do Estado, mudando a tendencia histórica pola que Galicia reducía o paro con máis intensidade por cuestións demográficas. O dato de decembro revela que “a posición relativa de Galicia continúa a empeorar”, con 459 parados máis mentres no conxunto de España reduciuse en 16.300 desempregados.

 

O responsable socialista responsabilizou directamente a Rueda de que a economía galega teña “menor pulo” que no conxunto de España en termos de PIB e de mercado laboral, e esixiulle que “colla o timón da nave e antepoña os intereses da economía galega e dos galegos e galegas fronte aos intereses do PP”

Noticias relacionadas