PARLAMENTO DE GALICIA Patricia Iglesias 18 de marzo de 2026

O Grupo Socialista critica que o PP vote agora en contra do acordo parlamentario para implantar produtos de proximidade nos comedores que dependen da Xunta

Patricia Iglesias critica que co modelo do PP “gaña quen oferta máis barato” a costa de empeorar a calidade alimentaria, prexudicar aos produtores locais e empeorar as condicións dos traballadores e traballadoras

 

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias afeoulle hoxe ao goberno galego que teña incumprido o acordo parlamentario aprobado por unanimidade hai un ano para implantar o produto local nos comedores que dependen da Xunta. Iglesias presentou unha nova proposta “concreta e viable” no Parlamento para reclamar unha estratexia galega de contratación pública que inclúa esta medida, pero que esta vez foi rexeitada polo PP.

 

Iglesias criticou que o PP vote hoxe en contra do que aprobaron en 2025, deixando abandonado ao sector primario galego e provocando a perda da calidade alimentaria nos comedores de hospitais, residencias, colexios e escolas infantís que dependen do goberno galego. Advertiu que co modelo do PP “gaña quen oferta máis barato”, deixando as comidas nas mans das empresas de cátering con produtos importados e que presionan á baixa nas condicións laborais.

 

A responsable socialista lembrou que o próximo mes de abril entrará en vigor o Real Decreto estatal de comedores saudables e sostibles, que obriga a incorporar un 45 por cento de produtos de tempada e proximidade e un 5 por cento de produtos ecolóxicos. Afeoulle ao goberno galego que non estea preparado para a entrada en vigor deste decreto pero que os colle “co pé cambiado”, declarándose “en rebeldía” fronte a unha norma que están obrigados a cumprir.

 

Reclamoulle ao goberno galego que empregue a contratación pública para fomentar o consumo de produtos de proximidade, apoiando aos agricultores e gandeiros galegos e liderando unha rede de distribución pública. Ademais permitiría impulsar o peixe de cerco, fortalecer as prazas de abastos, reducir a pegada de carbono e mellorar a alimentación dos usuarios e usuarias.

 

A parlamentaria socialista explicou que “non estamos inventando nada, estamos chegando tarde” a unha práctica que conta con varios exemplos que demostran que “funciona”. Citou así o modelo de cociña central con produto local nos comedores escolares do concello socialista de Ames, o proxecto de Ecocomedores da Biosfera da Mariña ou o programa de Canarias, premiado polo goberno central.

Noticias relacionadas