Besteiro Cambados José Ramón Gómez Besteiro 15 de julio de 2026

Besteiro acusa a Rueda de expulsar de Cambados aos maiores e reclámalle unha residencia pública

“Deixou pechar a única que había e agora nin sequera contesta ao Concello, que lle está ofrecendo unha parcela”, asegurou o secretario xeral do PSdeG

Valorou que Samuel Lago, “o mellor alcalde que pode ter o municipio, non deixou de buscar solucións” pese a que o Goberno galego se nega a reunirse con el

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, vén de reclamar para Cambados “algo tan básico como unha residencia pública para os seus maiores”.

Tras reunirse co alcalde, Samuel Lago, criticou que a Xunta deixase pechar a única residencia que había no municipio e permitise “que 53 persoas maiores fosen trasladadas lonxe do seu entorno”. Censurou, ademais, que o Goberno galego deixou perder a posibilidade de habilitar un novo centro no pazo de Montesacro “malia as propostas do Concello”.

O líder socialista explicou que Cambados ten preto de 14.000 habitantes, dos que máis de 3.100 superan os 65 anos. Valorou tamén que o Concello está disposto “mesmo a mercar unha parcela e poñela gratuitamente a disposición” da Administración autonómica para que constrúa unha residencia.

Lamentou que, pola contra, o abandono de Rueda. Mentres, Samuel Lago, “o mellor alcalde que pode ter o municipio, non deixou de buscar solucións”, propoñendo como alternativa “que a Xunta mercase o antigo asilo” a resposta do presidente galego e da consellería ás 15 reunións que solicitou o rexedor foi o silencio.

“O alcalde está traballando para adquirir unha parcela e poñela a disposición da Xunta -insistiu Besteiro-, é dicir, o Concello fai os deberes e ofrece colaboración. E que fai Rueda? Nin recibe nin se compromete”, reprochoulle.

O secretario xeral do PSdeG defendeu que, despois de “deixar pechar a residencia e expulsar aos maiores do seu pobo”, a Xunta debe incluír a Cambados no seu novo plan de residencias. “Se hai vontade, hai terreo e hai necesidade, só falta que Rueda deixe de ignorar”, insistiu.

Casa do Mar e cuartel da Garda Civil

José Ramón Gómez Besteiro contrapuxo a actuación da Xunta cos investimentos que o Goberno central está a facer na localidade. Un dos proxectos beneficiados é a Casa do Mar. Tal como avanzou o propio alcalde, o Concello vén de aprobar a licencia. A actuación ten un importe de 1,2 millóns de euros e vaise traducir na reforma integral dun inmoble “moi importante para Cambados”.

Por outra banda, o Estado xa está construíndo o novo cuartel da Garda Civil. O orzamento ascende a 9,4 millóns de euros e prevese que o edificio estea en servizo a finais do vindeiro ano.

Noticias relacionadas