Acusa a Rueda de poñer o Sergas “en modo verán” pese a que a tempada estival “non produce un efecto de menos enfermidades nin de menos ingresos”
O secretario xeral do PSdeG denuncia que a Xunta “non planifica a sanidade, senón que a adapta á súa falta de medios humanos”
A Coruña, 12 de xuño de 2026. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, alertou hoxe desde A Coruña de que o recorte de persoal sanitario por parte da Xunta durante o verán acabará taponando os servizos de urxencias. En declaracións no Chuac, na compaña da deputada Silvia Longueira e do voceiro socialista de Sanidade, Julio Torrado, acusou a Rueda de poñer a sanidade galega “en modo verán, pechando máis de 500 camas, case 100 delas na Coruña”.
Tal como sinalou, o problema reside en que o Sergas non pon o persoal necesario para mantelas operativas. Por iso, criticou que, ademais, Rueda “disfrace” esa medida atribuíndose unha “axeitada planificación”, cando tras ela non hai máis que “recortes”.
“Vimos dun ano terrible, con listas de espera superiores ás da época prepandemia, o que xa é un dato espeluznante”, salientou o líder socialista, que lle reclamou ao presidente da Xunta que explique como ten pensado abrir as camas se fan falta, tal como afirma, e con que profesionais se vai facer, e que aclare tamén que consultas, probas diagnósticas e intervencións se van adiar debido á redución da actividade.
“O verán non produce un efecto de menos enfermidades, nin de menos ingresos, nin de menos probas diagnósticas”, insistiu Besteiro, que asegurou que o PP “condena” á cidadanía a unha cada vez máis minguante prestación de servizos.
O secretario xeral do PSdeG insistiu na falta de planificación que o Goberno de Rueda vén arrastrando respecto da “xoia do estado de benestar, que é a sanidade”, cunha continua “falla de asignación de recursos” que nos próximos meses afectará tamén ás urxencias e á atención primaria, porque “faltan médicos, faltan enfermeiras, falta persoal auxiliar”.
Nese senso, explicou que a redución da capacidade nun hospital deriva máis presión a outros servizos, o que se traduce en máis demoras nos ingresos, máis esperas para os pacientes e máis carga para os profesionais. “O PP non planifica a sanidade, senón que a adapta á súa falta de medios humanos”, resumiu o líder socialista.
Saúdos, comunicación PSdeG-PSOE
