Altri Besteiro José Ramón Gómez Besteiro 11 de julio de 2026

Besteiro celebra o arquivo definitivo de Altri: «Gaña Galicia e gaña a xente que nunca se resignou»

O secretario xeral do PSdeG lembra que os socialistas levaban meses pedindo o peche do expediente, desde o triplo non do Goberno de España á empresa: sen Perte de Descarbonización, sen axudas públicas e sen conexión eléctrica

Reprocha á Xunta que arquive o proxecto «obrigada e sen recoñecer o dano que puido causar» e volve esixir que se faga público o pacto asinado con Altri en 2021, que o Goberno galego aínda mantén en segredo

O expediente da celulosa de Palas de Rei quedou  arquivado de maneira definitiva e firme, segundo comunicou a Consellería de Economía e Industria, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou a noticia: «É un día excelente para Galicia, para a comarca da Ulloa e para toda a xente que nunca se resignou a que lle impuxesen pola forza un proxecto que non era bo para Galicia, que Galicia non necesitaba e que Galicia non quería”.

Non é unha reivindicación nova. Os socialistas galegos levaban meses reclamando este peche, desde que o Goberno de España lle dixo que non á empresa ata en tres ocasións. «Primeiro quedou fóra do Perte de descarbonización, porque non descarbonizaba nada. Despois quedou sen axudas públicas, porque non as merecía. E ao final quedou sen conexión eléctrica, porque a planificación do Estado responde a criterios técnicos, non a operacións de propaganda. Foi un triplo non razoado. Cada vez que o Goberno de España dixo non, explicou por que», sinalou Besteiro.

A Xunta, pola contra, chega a este punto «tarde, obrigada e sen recoñecer en ningún momento o dano que este proxecto puido causar». Besteiro foi claro: «Rueda non enterra Altri por convicción, entérraa porque non lle queda outra. O mesmo goberno que apadriñou esta operación, que lle deu a declaración de proxecto industrial estratéxico e que lle puxo alfombra vermella durante catro anos, limítase agora a certificar a defunción por falta de enchufe. Nin unha palabra sobre a xente da Ulloa”.

Para Besteiro, o arquivo «non pecha as preguntas: ábreas». O PSdeG volve poñer enriba da mesa o acordo secreto que a Xunta asinou con Altri en 2021 a través de Impulsa Galicia. Un documento que ninguén viu. O Goberno galego négase a facelo público e o PP vetou no Parlamento a comisión de investigación. «Queremos saber que compromisos se adquiriron e se esta aposta falida lle vai custar cartos aos galegos e ás galegas. Rueda ten hoxe unha oportunidade magnífica para desclasificar eses papeis. Se non ten nada que ocultar, que os ensine», reclamou.

O secretario xeral tamén lembrou que ainda queda un cabo solto: “Greenfiber dispón dun mes para recorrer a resolución e o PSdeG seguirá enriba do asunto”, dixo. Para Besteiro, a “nosa obriga é vixiar que nin este proxecto nin outro parecido se volva impoñer ás costas da xente”.

Por último, insistiu en que «Galicia necesita industria, pero industria de verdade, con proxectos que creen emprego de calidade e que respecten o territorio, non operacións propagandísticas deseñadas polo PP”.

Noticias relacionadas