O secretario xeral do PSdeG esíxelle ao presidente da Xunta que deixe de pór trabas á tramitación lexislativa da transferencia da AP-9 e defenda os intereses de Galicia
Besteiro subliña que só co Goberno socialista foi posible chegar a este día histórico e seguir avanzando cara á gratuidade da AP-9
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, denunciou hoxe que o Partido Popular vén de consumar a maior traizón a Galicia da súa historia recente ao votar en contra da lei de transferencia da titularidade e da xestión da AP-9 no Pleno do Congreso. A mesma formación que privatizou a autopista, que bloqueou durante anos a súa transferencia cando gobernaba en Madrid, quedou hoxe unha vez máis soa, xunto a Vox, para darlle as costas á cidadanía galega.
“Feijóo e Rueda pasarán á historia pola esta traizón a Galicia. Non hai maior cinismo na política galega. O PP privatizou a AP-9 no ano 2003, prorrogou a concesión no 2000, bloqueou durante anos a súa transferencia cando tiña dous galegos á fronte do Goberno e do Congreso —Rajoy e Ana Pastor— e agora, cando case todo o Parlamento acorda avanzar, vota en contra. Feijóo era conselleiro cando fixeron todo ese dano e non dixo nin mu. Agora fai o mesmo desde Madrid e Rueda desde Galicia», afirmou Besteiro.
O secretario xeral do PSdeG esíxelle ao presidente da Xunta que deixe de poñer trabas á tramitación lexislativa da transferencia da AP-9 e que defenda os intereses de Galicia.
Besteiro insistiu en que «chegamos a un día histórico como o de hoxe porque hai un Goberno socialista en España, que é o que está facendo posible a transferencia da AP-9 e dando pasos decididos cara á súa gratuidade». «Foi o Goberno de Pedro Sánchez quen desbloqueou a lei e implantou bonificacións de ata o 75 % nas tarifas da AP-9», lembrou. «Se os galegos e as galegas seguen a pagar peaxes abusivas é por culpa das decisións do PP. Cando chegamos ao Goberno puxemos solucións. Eles póñense sempre nos problemas, na marrullería e na lama, dicindo unha cousa en Galicia e facendo a contraria en Madrid», criticou.
O secretario xeral felicitou a deputada Patricia Otero e ao conxunto dos grupos que fixeron posible este paso histórico. «Hoxe é un bo día para Galicia. Un día que o PP elixiu non festexar porque leva décadas formando parte do problema», concluíu.
