O socialista reprochoulle a Rueda que quen tiña que estar na tribuna defendendo o teito de gasto era el e non o seu conselleiro de Facenda: “Non teñen un modelo para Galicia, teñen un modelo de confrontación co Goberno de España”
Advirte de que a Xunta segue sen explicar o seu rexeitamento á quita da débeda: “Ninguén entende que pasar de deber 12.000 millóns a deber 8.000 sexa malo para Galicia”
Denuncia que Galicia pode perder 1.000 millóns máis de financiamento si Rueda non asume a súa responsabilidade como presidente da Xunta
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe a Alfonso Rueda a negociar co Goberno de España unha mellora do financiamento autonómico de arredor de 1.000 millóns de euros anuais para Galicia. Fíxoo no pleno extraordinario sobre o teito de gasto, un debate no que o presidente da Xunta, presente no hemiciclo, non interveu. “Estamos nun momento histórico. Toca decidir que financiamento teremos nos próximos anos e Galicia non pode quedar fóra desa negociación”, advertiu.
Besteiro dirixiu boa parte da súa intervención a Rueda, que seguiu o debate desde o seu escano sen subir á tribuna. Non por descortesía co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, aclarou, senón porque quen tiña que defender hoxe este debate era o presidente. O financiamento autonómico é, dixo, “o elefante na habitación”: condiciona todo o debate orzamentario e o PP négase a falar del. “Levamos tanto tempo convivindo co elefante que xa nos parece normal”, ironizou.
Enumerou logo as preguntas que seguen sen resposta. Defende o PP galego o sistema de réxime común? Parécenlle suficientes os 20.975 millóns adicionais que achega a proposta do Ministerio de Facenda? Nada. Silencio. “Non hai un modelo de financiamento para Galicia. Hai un modelo de confrontación co Goberno de España e de obediencia ao que se dita desde a rúa Xénova”, afirmou. Fronte a iso, lembrou que o PSdeG é o único partido que puxo cifras enriba da mesa: a proposta estatal é boa para Galicia, pero debe afinarse ata acadar unha suba de arredor de 1.000 millóns de euros. “Nós dixémolo desde o primeiro día. Vostedes non dixeron nin onde nin como, nin que teclas hai que tocar”, reprochou.
Besteiro insistiu en que calendario apreta. O 4 de setembro reúnese o Consello de Política Fiscal e, a partir de aí, o debate pasará aos grupos parlamentarios do Congreso. No último trimestre do ano aprobarase a condonación da débeda autonómica, unha quita que hai que solicitar expresamente. “Que vai facer a Xunta? Seguir dicindo que non lle interesan 4.010 millóns de euros? Ninguén entende que pasar de deber 12.000 millóns a deber 8.000 sexa malo para Galicia. Ninguén”, insistiu Besteiro, que lembrou que a estimación inicial da quita rondaba os 2.500 millóns e que dela quedan fóra as comunidades de réxime foral.
Tamén desmontou o relato do PP sobre o crecemento económico. Se o avance do PIB galego é mérito da Xunta, razoou, o de España, un 2,7% segundo o último dato, tamén o será do Goberno central. E os números están aí: Galicia recibirá en 2027 as maiores entregas a conta da súa historia, 12.543 millóns de euros, 929 máis ca este ano, unha suba do 8%. Máis do 80% deses recursos procede das arcas do Estado. A iso súmase un investimento estatal récord, con máis de 2.860 millóns de euros executados en Galicia nos dous últimos anos.
Ademais, señaló que os datos desmontan o relato dunha comunidade discriminada: Galicia é a quinta autonomía por poboación e a sexta por PIB e, aínda así, foi a cuarta con máis investimento estatal executado, por diante de territorios con máis habitantes e maior peso económico. En investimento directo da Administración Xeral do Estado ocupa mesmo o segundo posto, só por detrás de Madrid: máis do dobre ca Cataluña, máis do triplo ca Valencia e un 38% máis ca Andalucía. “Pódese reclamar máis, e non renunciaremos a un só euro do que Galicia merece, pero non se pode falar dunha comunidade de segunda cando os datos din exactamente o contrario”, sinalou.
Mentres, o PP tombou no Congreso a senda de estabilidade, unha decisión que resta arredor de 272 millóns de capacidade de gasto en sanidade, educación, vivenda e políticas sociais á Xunta e aos concellos galegos.
Con máis recursos ca nunca, Galicia ten hoxe peores servizos públicos. Ese é o balance que, a xuízo de Besteiro, a Xunta debe explicar: 35.147 persoas agardan por unha vivenda pública, 350.000 esperan por unha consulta médica e 13.000 seguen á espera dunha praza nunha residencia. O problema, dixo, non é só de recursos, senón da incapacidade do Goberno galego para transformalos en emprego, oportunidades e mellores servizos. E o que está en xogo na negociación do financiamento é precisamente iso: os fondos dos que disporá Galicia nas próximas décadas para a sanidade, a educación, a dependencia e a vivenda.
Marcou distancias tamén co modelo do BNG. O concerto económico que defenden os nacionalistas rompería a caixa única do sistema común, advertiu, e con ela a solidariedade entre territorios. Un exemplo: as comunidades de réxime foral quedan fóra da quita da débeda. “É unha posición lexítima e respectámola, pero cremos que é un erro. Non é a fórmula que beneficia a Galicia. A solidariedade é o que preside o sistema común, e o concerto exclúea”, afirmou.
Besteiro defendeu o modelo socialista: un sistema de réxime común, solidario, pensado para as épocas boas e para as malas, e con corresponsabilidade fiscal. “Se queremos máis financiamento, temos que asumir tamén a responsabilidade fiscal. Non se pode xogar coma un trileiro: bonificar impostos aquí e reclamar máis fondos alá”, sinalou.
O socialista pechou cun emprazamento directo ao presidente da Xunta para que explique a súa posición antes do Consello de Política Fiscal. “Por honestidade, deben dicirlle ao pobo galego que visión de futuro teñen. O silencio impide aproveitar un tempo cheo de oportunidades para o país. E vostedes teñen que defendelas, porque son o Goberno de Galicia”.
