O líder socialista defende aproveitar a negociación aberta polo Goberno de España para conseguir un financiamento singular e suficiente para Galicia e acusa ao PP de non presentar ningún modelo alternativo e ao BNG de defender un modelo que non soluciona os problemas de Galicia e que, ademáis, é insolidario
A comisión de estudo sobre o financiamento autonómico, impulsada polo PSdeG e constituída hoxe no Parlamento, inicia os seus traballos para abordar a reforma do sistema e as necesidades específicas de Galicia
Taboada (Lugo), 10 de xuño de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe o inicio da comisión parlamentaria sobre financiamento autonómico como unha oportunidade para que Galicia defenda unha mellora real dos recursos destinados aos servizos públicos e lamentou que o Partido Popular afronte este debate «sen un modelo propio» mentres o BNG continúa instalado nunha proposta de concerto económico que cualificou de «mala para Galicia».
Besteiro lembrou que a constitución desta comisión chega por iniciativa dos socialistas galegos despois de cinco anos de bloqueo e de dous intentos fallidos. «Se esta comisión se pon en marcha hoxe é porque o PSdeG insistiu nela cando outros preferían mirar para outro lado», sinalou.
O líder socialista destacou que existen condicións políticas que non se daban noutras etapas para abordar a reforma do sistema. «Por primeira vez hai un Goberno de España disposto a falar de financiamento autonómico e cunha proposta enriba da mesa. Pode ser mellorable, e nós cremos que o é, pero existe unha base real sobre a que negociar», afirmou.
Neste sentido, contrapuxo a posición socialista á dos seus principais adversarios políticos. Por unha banda, criticou que o PP siga sen aclarar que modelo defende para Galicia. «Todo indica que chegará a esta comisión sen unha proposta propia. Levan anos reclamando máis recursos, pero cando chega o momento de presentar alternativas non aparecen», advertiu.
Por outra, reiterou o rexeitamento do PSdeG ao modelo de concerto económico defendido polo BNG. «A chamada chave da caixa non resolve os problemas de financiamento de Galicia. Os recursos que xeraría ese sistema non serían suficientes para atender as necesidades do noso país e, ademais, rompe co principio de solidariedade entre territorios», explicou.
Besteiro defendeu que a posición socialista pasa por mellorar a proposta existente baixo tres principios irrenunciables. En primeiro lugar, un financiamento singular que teña en conta as características propias de Galicia, como o envellecemento da poboación, a dispersión territorial ou os maiores custos na prestación dos servizos públicos. En segundo lugar, un financiamento suficiente para garantir a sanidade, a dependencia, a educación e o conxunto do Estado do Benestar. E, finalmente, un sistema solidario que preserve a igualdade entre cidadáns con independencia do territorio no que vivan.
«O noso modelo é federalista. Defendemos recoñecer as singularidades de Galicia, pero tamén manter a solidariedade entre comunidades autónomas. Son dous principios perfectamente compatibles», subliñou.
O secretario xeral do PSdeG lembrou ademais que foi o propio presidente da Xunta quen cifrou hai pouco máis dun ano en arredor de 500 millóns de euros as necesidades adicionais de financiamento para Galicia. «A proposta que o Goberno de España puxo sobre a mesa supera esa cifra e máis de 585 millóns. Aínda así, nós dicimos que pode mellorarse, que hai marxe para incorporar criterios que beneficien a Galicia, como o peso da demografía ou da dispersión territorial. Pero para conseguilo hai que sentarse a negociar», indicou.
Por iso, asegurou que os socialistas afrontan os traballos da comisión «con esperanza e vontade de acordo», convencidos de que Galicia non pode perder unha oportunidade histórica para mellorar o seu financiamento.
«O que non pode ocorrer é que uns cheguen sen modelo e outros defendan propostas fóra do marco que comparte a inmensa maioría da sociedade galega. Galicia necesita máis recursos e necesita unha posición útil para conseguilos», concluíu.
