Carmen Dacosta Carmen Rodríguez Dacosta Incendios 7 de julio de 2026

Dacosta: «O convenio da Xunta para a limpeza das faixas está ‘en bragas’, dino quen protexe sobre o territorio aos veciños dos lumes»

A deputada socialista defendeu no Pleno unha moción con seis propostas de resolución para transformar o modelo de prevención e extinción da Xunta e avanzar cara a un servizo público, profesional e permanente tras os lumes de 2017, de 2022 e a “dramática campaña de 2025”

Denunciou que 206 das 276 parroquias priorizadas pola propia Xunta chegaron sen rozar á época de alto risco, tres de cada catro, e que 19 das 26 parroquias de alta actividade incendiaria volveron arder en 2025

Os socialistas reclaman crear os postos estruturais que o propio expediente da encomenda a SEAGA recoñece como necesarios: “Se o problema é estrutural, a solución tamén debe selo”

A deputada do Grupo Parlamentario Socialista Carmen Dacosta defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia unha moción sobre a eficacia do modelo de prevención e extinción de incendios da Xunta fronte aos lumes de nova xeración, na que reclamou avanzar cara a un servizo público único, profesional, estable e permanente. “Os incendios forestais xa non son unha emerxencia estacional. Son unha ameaza permanente que require un dispositivo preparado durante os doce meses do ano”, advertiu. “Os incendios de nova xeración non se preparan en abril nin se combaten en xullo. Prevéñense durante todo o ano”.

A moción trae causa da interpelación á conselleira do Medio Rural pola decisión da Xunta de volver recorrer á contratación temporal de 42 brigadas de reforzo a través de SEAGA, con arredor de 180 efectivos, para traballar apenas noventa días entre mediados de xullo e outubro. Dacosta deixou claro que a crítica non vai dirixida aos profesionais, dos que recoñeceu “o seu compromiso, a súa profesionalidade e o enorme traballo que desenvolven”. “O problema nunca foron os profesionais. O problema é a decisión política da Xunta de responder con contratacións temporais a necesidades que a propia Administración recoñece como estruturais”, subliñou.

Tres de cada catro parroquias prioritarias, sen rozar

“Hai datos que non admiten discusión”, afirmou a deputada. A propia Xunta declarou 276 parroquias prioritarias para executar actuacións preventivas antes do inicio da época de alto risco, e 206 delas seguían sen rozar cando esa época comezou. “Tres de cada catro. Ese dato desmonta por si só o discurso triunfalista do Goberno galego”, sinalou. A iso sumou outro dato “moi preocupante”: en 2025, 19 das 26 Parroquias de Alta Actividade Incendiaria volveron arder, case o 75 por cento. “Se a Xunta non foi capaz de actuar nin nas parroquias que ela mesma declarou prioritarias, nin de reducir o risco nas que identifica desde hai anos como as de maior actividade incendiaria, como pode pedirnos que creamos que este modelo funciona?”, preguntou.

Dacosta lembrou tamén as denuncias dos propios alcaldes e alcaldesas, incluídos rexedores do Partido Popular, sobre o convenio asinado coa Xunta para que SEAGA asuma a limpeza das faixas secundarias de protección nos concellos de menos de 10.000 habitantes, un compromiso persoal do presidente Alfonso Rueda. Os rexedores advirten de que os traballos preventivos non están chegando, de que as empresas de desbroce están saturadas e de que o convenio non funciona. 

O alcalde de Muíños recoñecía publicamente que “non hai man de obra, tampouco en SEAGA”, e outros resumían a situación cunha frase demoledora: “o convenio está en bragas”. “A realidade non son os anuncios nin as roldas de prensa. A realidade son as parroquias sen rozar, os alcaldes reclamando medios e os incendios que volven repetirse exactamente nos lugares onde sabiamos que había máis risco. Seguimos chegando tarde á prevención”, denunciou.

A propia Xunta recoñece que a necesidade é estrutural

A parlamentaria socialista destacou que é o propio expediente da encomenda a SEAGA o que recoñece que o reforzo “vén motivado pola falta de recursos en determinados períodos e localizacións” e que, de manterse no tempo, haberá que modificar o cadro de persoal e crear os postos necesarios. “Se o Goberno recoñece que estamos diante dunha necesidade estrutural, resulta incomprensible que continúe respondendo mediante contratos temporais de noventa días”, afirmou. 

Neste sentido, recordou que UGT e Comisións Obreiras denuncian que esta fórmula supón “externalizar e precarizar funcións estruturais e permanentes” do dispositivo e que “a loita contra os incendios non pode depender de respostas parciais nin de parches estacionais, senón dunha política pública seria, estruturada e sostida no tempo”.

Dacosta incidiu en que a Xunta xa non pode alegar descoñecemento: tras os incendios de 2017 este Parlamento constituíu unha Comisión Especial, aprobou un Ditame e impulsou un Grupo de Expertos, coordinado precisamente por quen hoxe é director xeral de Defensa do Monte. “Había un diagnóstico, había recomendacións e había unha folla de ruta. O que non houbo foi vontade política para aplicala. Sete anos despois seguimos discutindo exactamente o mesmo”, lamentou.

Seis propostas de resolución

A moción defendida polo Grupo Socialista, que foi rexeitada cos votos en contra do PP,  recollía seis propostas de resolución:

  1. Establecer un sistema público de planificación, seguimento e control das actuacións de xestión da biomasa e limpeza das faixas secundarias executadas por SEAGA, facendo pública antes do 31 de maio de cada ano a información sobre as actuacións previstas, iniciadas, executadas e pendentes por distritos forestais e parroquias priorizadas.
  2. Presentar unha proposta de redistribución territorial dos medios humanos e materiais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais conforme ás recomendacións do Grupo de Expertos, adaptándoos ao risco real de cada territorio. Dacosta lembrou que 21 das 42 brigadas extraordinarias deste ano se destinan á provincia de Ourense, o que “demostra que a necesidade existía”.
  3. Dar conta do cumprimento do compromiso asumido polo presidente Alfonso Rueda de asumir a execución dos traballos de limpeza das faixas secundarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes.
  4. Avanzar cara a un servizo público único, profesional, estable e permanente de prevención e defensa contra incendios forestais.
  5. Crear os postos estruturais necesarios para atender de maneira permanente as necesidades do dispositivo, tal e como recoñece a propia documentación da Xunta.
  6. Publicar semestralmente, con criterios de transparencia, toda a información relativa ás actuacións preventivas desenvolvidas en materia de incendios forestais.

Noticias relacionadas