Carmen Rodríguez Dacosta CRTVG CSAG 14 de julio de 2026

Dacosta reclámalle á CSAG que recupere a xornada semanal de 35 horas suspendida de forma temporal no decreto de medidas de 2012

Carmen R. Dacosta critica que a dirección da Corporación estea “instalada na autocompracencia” e apunta que “mentres a audiencia cae, aumenta a desconfianza e persisten os conflitos laborais”

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026. A representante do Grupo Socialista na Comisión de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia -anterior CRTVG-, Carmen Dacosta, presentou unha pregunta oral para reclamarlle á directora do ente que recupere a xornada semanal de 35 horas suspendida no decreto de medidas fronte á crise de 2012. Dacosta advertiu que logo de 14 anos “non faltan nin cobertura legal nin argumentos” para volver á xornada orixinal, senón que “o que falta é vontade política”.

A responsable socialista lembrou que a xornada dos traballadores e traballadoras do ente pasou de 35 a 37,5 horas semanais seguindo o decreto de medidas “temporais” fronte a unha crise que, advertiu, xa foi superada. Subliñou que “desapareceron as circunstancias que xustificaban aquelas medidas e desapareceu a razón de ser daquelas limitacións”.

Así o recoñeceu tamén a dirección do ente, que nunha xuntanza celebrada o 8 de maio pasado, diante da solicitude unánime dos cinco sindicatos presentes no Comité de Empresa, deixou por escrito que existía “vontade” por parte da empresa para negociar a volta ao antigo horario. Sen embargo, esta desapareceu cando “apareceron unhas misteriosas outras prioridades” coas que o ente xustificou que apartaba a volta ao horario anterior.

Criticou a actitude da dirección dunha empresa “que debera ser exemplo de diálogo social e actuar con absoluta exemplaridade no respecto á negociación colectiva”. Sen embargo, lamentou que prefiran seguir a senda marcada polo PP respecto ás relacións laborais, restándolle valor aos acordos entre a empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras, e esixiulles que “deixen de buscar culpables e cumpran coa palabra dada”.

Autocompracencia

A directora xeral do ente tamén compareceu na Comisión de hoxe para presentar a Memoria do ano pasado, á que Dacosta criticou que “viva instalada na autocompracencia” presentando un balance de “éxito permanente” que non oculta que “mentres a audiencia cae, aumenta a desconfianza dunha parte importante da sociedade e persisten os conflitos laborais e profesionais”.

Advertiu que, malia o balance triunfalista, “non ofrece un só indicador que permita acreditar que hoxe a información é máis plural, máis independente ou máis rigorosa que hai un ano”, e tampouco hai “nin unha reflexión seria sobre os venres negros, as reiteradas denuncias do persoal, as críticas do Colexio de Xornalistas nin sobre a necesidade de reforzar a independencia editorial”. Criticou que “teñan perdido de vista cal é a verdadeira misión dunha televisión pública”.

Dacosta advertiu que “o reto non é producir máis contidos nin acumular máis impactos dixitais, o reto é recuperar credibilidade, garantir a independencia, fortalecer o pluralismo, promover a lingua galega e volve conectar coa cidadanía”.

Noticias relacionadas