Patricia Iglesias Recursos de Galicia 22 de julio de 2026

Iglesias denuncia que Rueda quere meter máis cartos públicos na comercializadora enerxética de Recursos de Galicia, que o Goberno inhabilitou por falta de actividade

”A ampliación de capital que anunciou é a confesión do fracaso dun modelo montado para non render contas e incapaz de cumprir os obxectivos cos que foi creado”, afirmou a deputada do PSdeG

O procedemento que o Estado ten aberto para extinguir a habilitación da comercializadora eléctrica de Recursos de Galicia (RDG) vén de acender as alarmas sobre o destino de cantidades inxentes de fondos da comunidade autónoma e a falta de transparencia coa que se está a desenvolver a sociedade público-privada.

A portavoz de industria e enerxía do Grupo Socialista no Parlamento galego, Patricia Iglesias, advertiu hoxe de que o expediente que a Administración xeral lle abriu á comercializadora de RDG xunto a unha vintena de empresas por non adquirir enerxía durante seis meses confirma as reiteradas denuncias dos socialistas sobre a “absoluta falta de transparencia” da empresa desde a súa creación en 2023.

“A ampliación de capital que anunciou Rueda é unha confesión do fracaso dun modelo montado para non render contas e incapaz de cumprir os obxectivos cos que foi creado”, advertiu Iglesias logo de que, este luns, o presidente da Xunta anunciase que o capital da sociedade ía pasar dos máis de 43 millóns actuais a “unha cifra indeterminada” entre os 100 e os 150 millóns.

Os catro días que separan a publicación da inhabilitación no BOE e a nova da ampliación de capital “retratan perfectamente a política enerxética e industrial do Goberno galego”, apuntou a parlamentaria socialista, que engadiu: “Cando o proxecto fracasa, o PP non rende contas; pide máis recursos públicos para ir ao rescate do fracaso”.

Para Patricia Iglesias, iso supón unha “confesión” de que RDG non funciona. A comercializadora de enerxía era “o gran símbolo de Recursos de Galicia” e tiña que servir para abaratar a factura eléctrica de familias e empresas. “Mais ese símbolo convértese agora na maior evidencia do fracaso do modelo enerxético do PP”, insistiu antes de pedir explicacións “sobre tres cuestións moi sinxelas”.

A primeira, “como é posible que unha comercializadora pública creada para competir no mercado eléctrico sexa obxecto dun procedemento por falta de actividade”. A segunda, “como se pretende investir máis fondos públicos cando nin sequera foi capaz de facer funcionar o seu principal proxecto empresarial”. A terceira, “por que se lle segue ocultando ao Parlamento a información sobre a creación de RDG e a súa situación económica, cando se trata dunha sociedade que xestiona millóns de euros públicos, xa que a Xunta ten o 30 % do capital social”.

”A propaganda chocou coa realidade”

A deputada socialista sinalou que a “propaganda” da Xunta “chocou coa realidade” e agora precísanse máis cartos públicos “para tapar a falta de resultados”. Ademais, o Parlamento segue sen coñecer “nin o plan de negocio, nin os resultados económicos, nin os contratos, nin os PPA asignados, nin o número de familias e empresas beneficiadas” polo pretendido abaratamento da enerxía.

“Primeiro foi Impulsa Galicia e agora é Recursos de Galicia. Cámbian o nome, cambian o logotipo, pereo repiten exactamente o mesmo modelo de moita propaganda e pouca transparencia, de pactos secretos cos promotores de Altri e de ningunha rendición de contas”, criticou Iglesias.

Noticias relacionadas