Julio Torrado Sanidade sanidade pública 7 de julio de 2026

Julio Torrado carga contra a «improvisación» de Rueda respecto da sanidade pública: «Todo chega tarde, mal e a rastro»

O deputado do PSdeG criticou que o PP rexeitase a proposta socialista para impulsar un plan extraordinario para as urxencias en toda Galicia e agora leve ao Parlamento unha proposición de lei para declarar de difícil cobertura só as prazas da área de Ourense

Denunciou que no Goberno galego “non hai visión integral do sistema” e reclamou “unha dirección competente e convencida de ir ao núcleo do problema, que procure contratacións estables” para toda a comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2026. “Todo chega tarde, mal e a rastro”. É a síntese da “improvisación” do Goberno de Rueda na xestión da sanidade pública, tal como denunciou hoxe o portavoz socialista desa área, Julio Torrado. O deputado do PSdeG criticou que, “tras dous meses de protestas dos profesionais e máis dun mes despois de rexeitar unha proposta socialista para impulsar un plan extraordinario para as urxencias en toda Galicia”, o PP vaia defender no seguinte pleno do Parlamento unha proposición de lei para impulsar a provisión de prazas de médicos de difícil cobertura, mais só nunha área sanitaria.

“Vén agora a intentar resolver todo declarando as urxencias de Ourense, só esas, como prazas de difícil cobertura. Non hai ningunha visión integral do sistema. Son propostas xa intentadas antes, que, como é evidente, non teñen resultado”, afirmou Torrado sobre o contido da norma que os populares defenderán no pleno da Cámara.

O tamén secretario de Sanidade do PSdeG censurou, por outra banda, que o texto lexislativo se vaia tramitar de urxencia, polo procedemento de lectura única, cando se se tivese afrontado a cuestión hai tempo, as posibles solucións poderían estar xa máis avanzadas e responder moito mellor á realidade. Por iso, afeoulle ao Goberno de Rueda a súa falta de diálogo e que se manteña instalado na soberbia “en vez de na eficiencia”.

Julio Torrado reclamou para a consellería e o Sergas “unha dirección competente e convencida de ir ao núcleo do problema, que procure contratacións estables para toda Galicia”, e salientou que “planificar non é unha posibilidade, é unha necesidade”. Porén, constátase que a posición da actual dirección da sanidade galega é enfrontar a situación dos servizos de urxencias declarando unicamente os postos da área de Ourense como prazas de difícil cobertura, evitando así afondar no problema.

Xestión caótica

Para Torrado, esa resposta insuficiente non vai garantir a estabilidade dos profesionais nas prazas, senón que vai seguir habendo persoal que tome posesión e logo opte por renunciar para acceder a outro posto, porque a xestión caótica e sen visión global por parte da Xunta empurra a tomar ese tipo de decisións.

“Estar convencido de estar sempre en posesión da verdade é o maior síntoma de estar equivocado, e o Goberno galego é un gran exemplo disto”, concluíu o deputado socialista.

Saúdos, comunicación PSdeG-PSOE

Noticias relacionadas