Sinalou que Galicia produce máis ca nunca, “pero hai menos granxas, o que pon en risco o relevo xeracional e a cohesión do rural”, e chamou a “recoñecer o diagnóstico do sector” sobre un “problema estrutural que require respostas públicas”
A viceportavoz do Grupo Socialista chamou a atención sobre unhas cifras “que deberían facernos reflexionar a todos”: nunha década pasouse de máis de 9.600 explotacións a arredor de 4.900, mentress a produción medrou un 19 %
A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, reclamou hoxe que o ditame da comisión sobre o prezo do leite lles dea pulo a medidas que sirvan “para reforzar a cadea alimentaria, garantir rendas dignas aos produtores e impulsar unha política industrial para Galicia”. Ao seu xuízo, son as tres cuestións máis importantes sobre as que debe xirar o debate. Durante a sesión desta mañá, na que compareceu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, chamou a “recoñecer o diagnóstico do sector” sobre “un problema estrutural que require de respostas públicas”, como son os baixos prezos do leite.
Méndez salientou que Galicia é a principal potencia produtora do Estado, “pero esa fortaleza non se traduce nunha maior estabilidade para as explotacións, nin nunha maior capacidade para garantir o relevo xeracional e o futuro do noso rural”. Pola contra, a desaparición de explotacións, a concentración da produción e as dificultades para asegurar unha renda digna son, segundo dixo, “retos que deben preocuparnos a todos”.
A deputada socialista defendeu que se trata dun sector estratéxico que precisa “equilibrio” na súa cadea de valor, ademais de transparencia e unha mellor capacidade de negociación. “Ese é, precisamente, o espírito co que se impulsaron normas como a Lei de cadea alimentaria, que por primeira vez incorporou o principio de que non se pode comprar por debaixo dos custos efectivos de produción”, dixo. “O reto —afirmou— é seguir mellorando a súa aplicación e garantir que cumpra plenamente os seus obxectivos”.
Lara Méndez subliñou a necesidade de “poñer en valor” ese marco normativo impulsado polo Partido Socialista. “O reto é mellorar o seu cumprimento e reforzar os mecanismos de control e negociación, non poñelo en cuestión”, avisou.
Pediu tamén unha aposta pola negociación e a transparencia, para o que é “razoable” estudar mecanismos como a mediación pública, o fortalecemento das organizacións de produtores “ou ferramentas como a conta láctea”, sempre dentro do marco competencial “e sen converter esa información nun sistema de fixación de prezos”. Nese senso, apuntou que o sector necesita “grandes acordos” que proporcionen estabilidade. “Unha estratexia a dez anos pactada entre administracións e sector encaixa nunha visión de consenso”, engadiu.
Respecto da industria de transformación, afirmou que non abonda con producir máis, senón que se precisa xerar máis valor engadido, máis emprego industrial “e máis riqueza no noso territorio”. Tal como explicou, Galicia só transforma o 63 % da súa produción, polo que incrementar esa proporción “debe ser un obxectivo de país”.
Méndez chamou a atención sobre unha cifra “que debería facernos reflexionar a todos”: nunha década pasouse de máis de 9.600 explotacións a arredor de 4.900, mentre a produción medrou un 19 %.
“A nosa responsabilidade non é gañar un debate político; é conseguir que dentro de dez anos siga habendo gandeiros e gandeiras en Galicia, porque sen eles non hai sector lácteo, non hai rural e tampouco hai país”, asegurou a viceportavoz socialista, que concluíu dicindo: “Cando desaparece unha explotación gandeira, Galicia non perde litros de leite; perde emprego, perde poboación, perde territorio e perde futuro, e iso é algo que ningún de nós debería aceptar”.
