Hospital Universitario Lucus Augusti HULA Lara Méndez 8 de julio de 2026

Lara Méndez denuncia os problemas no servizo de radioloxía do hospital de Lugo: «O cancro non colle vacacións nin espera: avanza»

A deputada socialista afirmou que se a Xunta está a licitar un novo acelerador que substitúa ao actual, que sofre continuas avarías, é grazas á mobilización social

A deputada socialista Lara Méndez denunciou esta tarde no pleno do Parlamento galego a situación na que se atopa o servizo de radioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti, cun acelerador lineal que sofre continuas avarías, ata o punto de que “non é a primeira vez que un paciente chega ao hospital e ten que dar volta”.

“Agora dan un pasiño tras as continuas denuncias de usuarios e facultativos”, dixo a parlamentaria do PSdeG sobre a recente licitación dun novo aparato, que vén de anunciar a Xunta. Mais lamentou que a súa entrada en funcionamento unha vez que se resolva ese procedemento poderíase demorar “un ano ou ano e medio”, tal como está a acontecer co de Pontevedra.

“Pero o cancro non colle vacacións nin espera: avanza”, sinalou Méndez, que lle recordou ao conselleiro que os enfermos “non son nin vagos nin maleantes, e se collen unha baixa, é pola súa enfermidade”, advertiu, por outra banda, en relación cos plans do PP para recortar dereitos respecto das incapacidades laborais.

A iniciativa que Lara Méndez levou hoxe á sesión denuncia o momento “de extrema gravidade” no que se atopa o servizo de radioterapia do HULA, o que está a afectar directamente á calidade asistencial e á seguridade dos pacientes oncolóxicos de toda a provincia. Para a deputada socialista, esa situación non é máis que un exemplo “evidente” do deterioro da sanidade pública galega, como consecuencia da falta de planificación, de investimento e de xestión por parte do Goberno de Rueda.

Os fallos do acelerador do hospital lucense, que ten xa máis de dez anos, tradúcense en interrupcións, suspensións e reprogramacións de tratamentos, o que xera “atrasos inaceptables”. “Neste momento está arranxado. A ver o que dura”, dixo Méndez.

Méndez destacou na súa intervención que os problemas en radioterapia únense aos que xa se produciron en servizos coma hemodinámica ou medicina nuclear, que motivaron a mobilización da sociedade lucense en defensa dunha sanidade pública de calidade.

Noticias relacionadas