Para o voceiro socialista de Transportes no Parlamento de Galicia o que fixeron onte os conselleiros do PP retrata a que foron. Levaban anos reclamando esta conferencia sectorial e, cando por fin se celebra, presentáronse diante dos micrófonos a cargar contra o Goberno incluso antes de que empezara a reunión
Calvo falou onte de tomadura de pelo en Madrid. E o voceiro socialista de Transportes, Carlos López Font, respondeulle hoxe coas súas mesmas palabras. “A verdadeira tomadura de pelo é a que sofren cada día os galegos nas paradas dos autobuses da Xunta. Liñas que non pasan. Buses que van cheos e deixan xente en terra. Queixas que ninguén contesta. E iso non depende de Madrid, depende del”, afirmou o deputado do Grupo Parlamentario Socialista.
Para López Font, o que fixeron onte os conselleiros do PP retrata a que foron. Levaban anos reclamando esta conferencia sectorial e, cando por fin se celebra, presentáronse diante dos micrófonos a cargar contra o Goberno antes de que empezara a reunión e despois dela. “O veredicto xa o traían escrito da casa. Non foron traballar, foron facer o número. O de onte non foi unha conferencia sectorial, foi un mitin con desprazamento pagado”, sinalou.
O socialista detívose no que pediu Calvo en Madrid: un rexistro público de incidencias ferroviarias e un interlocutor oficial con Renfe e Adif. “Que ninguén llo venda como unha gran reivindicación. Un rexistro de incidencias e alguén que colla o teléfono é o mínimo de calquera servizo público serio. O grave é que a Xunta non cumpre nin ese mínimo na casa. O Consello de Contas deixou por escrito que as queixas dos usuarios do bus galego quedan sen resposta ou se despachan tarde e mal. Calvo pide en Madrid o básico que el mesmo lles nega aos galegos. Hai que ter cara”, afirmou.
O Consello de Contas detectou un fallo estrutural no control da Xunta sobre as empresas do transporte por estrada. Tan estrutural que o Goberno galego nin sequera lles esixiu o pagamento do canon ata que o propio órgano fiscalizador llo requiriu, con meses de demora no caso da concesión máis rendible de Galicia. E os tribunais condenaron a Xunta por quedar de brazos cruzados ante o reparto do mercado das concesións entre as grandes operadoras. “Moito teatrillo en Madrid e un suspenso detrás doutro na casa. Así non se pode dar ningunha lección”, sinalou López Font.
“Cando toca defender aos galegos fronte ás concesionarias, a Xunta mira para outro lado. Cando toca facerlle oposición ao Goberno de España, aparecen a tempo e sempre con micrófonos. As prioridades de Calvo están claras. Os usuarios do bus non están entre elas”, engadiu.
Voceiro do PP, non conselleiro de Galicia
Na Sectorial, Calvo exerceu de portavoz do conxunto das comunidades gobernadas polo PP. Ese papel, para López Font, retrátao. “Foi a Madrid como voceiro de Génova, non como conselleiro de Galicia. E nótase. Nin unha soa autocrítica sobre o servizo que xestiona. Nin unha soa proposta para os problemas reais dos usuarios galegos. Todo o traballo de onte foi para o partido. Para Galicia, nada”, censurou.
Na mesma reunión, o Goberno de España puxo cifras enriba da mesa que tocan directamente a Galicia: preto de 4.300 millóns de euros en medidas de transporte do Plan Social para o Clima, con máis de 700 millóns para mobilidade no rural. E o maior investimento en renovación de trens que se lembra.
“O Goberno leva cartos ás mesas de traballo. A Xunta leva pancartas. Se Calvo quere ser útil, o camiño xa llo marcou o Consello de Contas. Controlar as concesionarias. Contestar as queixas. Facer que o autobús pase. O día que o faga, poderá dar leccións. Mentres tanto, que se ocupe do que é seu”, concluíu López Font.
