A socialista advirte a Rueda de que o récord do teito de gasto que anunciará o xoves está calculado coa senda de estabilidade que o PP votou en contra
A vicevoceira parlamentaria denuncia que a carta das trece comunidades do PP sobre a reunión do Consello de Política Fiscal e Financieira é “unha confesión en toda regra e recoñecen a urxencia de reformar o financiamento e ao mesmo tempo piden aprazar a reunión”
A vicevoceira parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, valorou tras a Xunta de Portavoces a convocatoria do debate do teito de gasto, fixado para o xoves, e a ausencia anunciada do PP no Consello de Política Fiscal e Financeira que se reúne este mércores. Méndez advertiu de que “a teoría está ben, pero dá igual o teito de gasto que aprobes, dá igual que teñas uns orzamentos marabillosos se despois non os executas”.
A dirixente socialista puxo o foco na carta que as trece comunidades gobernadas polo PP enviaron onte ao ministro de Facenda dicindo que non irán á reunión do Consello de Política Fiscal. “Recoñecen que hai que reformar un sistema de financiamento que leva dezaseis anos sen tocarse e, a continuación, piden aprazar a reunión ata setembro. Recoñecen a urxencia e piden esperar. As dúas cousas, na mesma misiva e coa mesma sinatura”, sinalou.
Méndez incidiu na contradición de reclamar tamén unha negociación multilateral e, ao tempo, non ir. “O mecanismo de negociación multilateral deste país chámase Consello de Política Fiscal e Financeira, e reúnese mañá. Piden negociación multilateral e piden non ir á mesa multilateral. Que alguén me explique como se fai iso”, apuntou.
A vicevoceira desmontou tamén o argumento da falta de información: “Na propia carta admiten que recibiron o borrador do acordo, as actas das reunións e os primeiros cálculos do impacto para cada territorio. A documentación recibírona; o que non queren é sentarse a falar”. E rexeitou que a ausencia se xustifique na defensa dos servizos públicos: “Na reunión á que non queren ir hai miles de millóns enriba da mesa para todas as comunidades. Iso é sanidade, iso son residencias, iso son listas de espera, isso é educación. Os servizos públicos galegos non se defenden faltando á reunión na que se reparten os cartos para reforzalos”.
Sobre o teito de gasto, que o presidente da Xunta defenderá o 30 de xullo, Méndez avanzou que Rueda virá “co titular xa escrito: récord histórico”. “A letra pequena é que ese récord se calcula coa senda de estabilidade contra a que votou o seu partido no Congreso e no Senado, e co marco fiscal do Estado.
A dirixente socialista lembrou ademais que o incremento de ingresos non é ningún mérito da Xunta: “Os ingresos soben porque a economía medra e porque se recada máis. Este ano, por primeira vez desde a pandemia, o teito aguanta sen fondos extraordinarios, só con recursos ordinarios, que veñen do Estado”.
Méndez resumiu a posición do PP en tres contradicións: “Recoñecen por escrito que o sistema hai que cambialo xa e piden esperar. Reclaman negociación multilateral e non van á mesa. Din que lles preocupan os servizos públicos e bloquean os cartos dos servizos públicos. Iso é cinismo político”. E rematou insistindo na advertencia inicial: por moito récord que anuncien este xoves: “Dá igual o teito de gasto que aprobes ou os orzamentos que teñas se despois non os executas”.
