Aitor Bouza PARLAMENTO DE GALICIA Vivenda 7 de julio de 2026

O Grupo Socialista censura a «incoherencia» da conselleira de vivenda por criticar en Galicia o Plan Estatal que apoiaron na Conferencia Sectorial

Aitor Bouza aféalle que teña comparecido hoxe no Parlamento para valorar o Plan Estatal de Vivenda cando segue sen explicar na Cámara o II Pacto Galego da Vivenda

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2026. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, criticou hoxe a “incoherencia” da conselleira, que compareceu no Pleno do Parlamento para criticar o Plan Estatal de Vivenda logo de que o PP o apoiara na Conferencia Sectorial. Bouza afeoulle que teña comparecido para falar co Plan estatal cando aínda non presentou na Cámara o II Pacto Galego da Vivenda, malia que ten rexistrado a solicitude de comparecencia dende abril.

O responsable socialista acusou á conselleira de Vivenda de criticar o Plan estatal para provocar un “show mediático” sen argumentos, simplemente por provocar a confrontación co Estado, o que leva ao PP “facer o ridículo”, xa que o apoiaron despois de telo criticado e de ter recorrido a Lei de vivenda.

Bouza  acusou á conselleira de acudir ao Parlamento a “insultar” á ministra canto a día de hoxe ela mesma continúa sen render contas da acción do goberno galego na materia. Aludiu a que a consellería aínda non compareceu para explicar o II Pacto Galego da Vivenda, que cualificou de “pantomima de foto que fixeron chamándolle pacto”, xa que, lembrou, “non pactaron con ninguén e tampouco deron a posibilidade de facer alegacións”.

O parlamentario socialista criticou que “ao PP non lle interesou nunca a vivenda”, como demostra que no primeiro trimestre do ano o goberno galego aínda non teña executado nin un só euro do Programa de Acceso á Vivenda. Afeoulle que estean anunciando agora 4.000 novos inmobles, absolutamente insuficientes para os preto de 35.000 inscritos no rexistro de demandantes e logo de 17 anos de abandono da materia polos gobernos do PP.

Aitor Bouza esixiulle á conselleira que faga un censo de vivenda baleira que permita traballar con datos certos para poñer no mercado centos de miles de inmobles que o goberno galego se resiste a facer públicos. Censurou que a conselleira apenas dedicara “uns segundos” a valorar o programa “Fogar vivo” que supostamente está dirixido a activar o mercado de alugueiro pero que só tramitou 237 axudas para o medio millón de pisos e casas baleiros estimados en Galicia.

Noticias relacionadas