Lara Méndez advertiu que a memoria da CGC carece de indicadores “que permitan coñecer se os informes emitidos foron asumidos polas administracións, cantas recomendacións se incorporaron á normativa ou que efectos concretos tiveron as actuacións sobre o funcionamento dos mercados”
A deputada socialista Lara Méndez criticou hoxe a falta de avaliación e de información na memoria da Comisión Galega da Competencia correspondente ao 2025. Durante a comparecencia en comisión parlamentaria do presidente do organismo, sinalou que o documento “céntrase principalmente na descrición de actividades realizadas”, mais a avaliación do impacto real desa actividade é “insuficiente”.
“Bótanse en falta indicadores que permitan coñecer se os informes emitidos foron asumidos polas administracións, cantas recomendacións se incorporaron á normativa ou que efectos concretos tiveron as actuacións sobre o funcionamento dos mercados”, precisou Méndez, que engadiu a esas eivas a “escasa información” sobre a repercusión práctica da actividade de promoción da competencia en Galicia. “Sería convinte incorporar mecanismos de seguimento que avalíen a aplicación efectiva das recomendacións emitidas e os cambios producidos como consecuencia delas”, reclamou.
Lara Méndez referiuse tamén á actividade sancionadora recollida na memoria, que “describe con detalle os expedientes tramitados e o seu volume documental, pero non incorpora indicadores de eficacia, como a duración media dos procedementos, os prazos de resolución, o grao de execución das sancións ou a redución das condutas anticompetitivas nos sectores afectados”.
Así, para a parlamentaria do PSdeG, a memoria “acredita unha actividade institucional e técnica, pero debería evolucionar cara un modelo máis orientado á avaliación de resultados e á medición do impacto das súas actuacións”.
