Carmen Rodríguez Dacosta Ourense PARLAMENTO DE GALICIA 8 de julio de 2026

O Grupo Socialista denuncia a falla de resposta da Xunta aos concellos afectados polas tormentas de xuño e esixe «compromisos claros, recursos inmediatos e certezas»

Carmen R. Dacosta advirte que as zonas máis afectadas son as que foron queimadas o verán pasado e nas que a Xunta segue sen executar 8,5 millóns de euros do Miteco para restauración

Santiago de Compostela, 08 de xullo de 2026. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de hoxe para esixirlle á Xunta “compromisos claros, recursos inmediatos e certezas” para recuperar as zonas afectadas polas tormentas do 17 de xuño en Viana o Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Vilardevós.

Cuestionou a falla de resposta do goberno galego, que cando “todos esperabamos unha reacción política inmediata”, demoraron a xuntanza cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados doce días logo das tormentas. E daquela reunión, lembrou, “non saíu un Plan extraordinario e urxente nin un calendario concreto de actuacións, senón a demanda aos concellos de facer unha valoración detallada dos danos para que a Xunta estude posibles vías de colaboración”.

Dacosta advertiu que as riadas provocadas polas tormentas desprazaron toneladas de terra, pedras e madeira queimada nos incendios do ano pasado pola falla de actuación da Xunta, que “chegou tarde á prevención dos incendios, chegou tarde á restauración das zonas queimadas e tamén chegou tarde á resposta que merecían os veciños afectados”. Criticou que “cando o goberno do PP chega tarde á prevención, Galicia acaba pagando dúas veces, primeiro co lume e despois co barro”.

Lembrou que a Xunta segue a día de hoxe sen executar os 8,5 millóns de euros transferidos o ano pasado a Galicia polo Ministerio para a Transición Ecolóxica precisamente para a restauración das zonas queimadas en Ourense. Criticou que optaran polo desleixo no canto de asumir o liderado da resposta institucional e declarar a situación de emerxencia.

A parlamentaria socialista criticou que “mentres esperaban non se estabilizaban os solos, non se restauraban as ladeiras e non se reducían os riscos”, derivando no “drama” que viviron os veciños e veciñas de Pradocabalos, A Bouza, Pixeiros, O Castro e o resto de núcleos afectados. Acusounos de deixar aos concellos aos pés dos cabalos, abandonados en primeira liña da catástrofe, e agora, en lugar de liberar axudas, esíxenlles que cuantifiquen os danos.

Noticias relacionadas