Patricia Iglesias chama ao PP a abandonar a “confrontación estéril” coa que bloquearon a reforma do Estatuto hai 20 anos e que “estean á altura da historia de Galicia”
Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2026. A portavoz de Calidade Democrática do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamou hoxe o desenvolvemento dun autogoberno de Galicia que sexa “útil para mellorar a vida das persoas”. Iglesias presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento de hoxe, pero que será votada mañá, na que emprazou ao PP a estar “á altura da historia de Galicia” cando fan 20 anos de que Feijóo bloqueara a reforma do Estatuto proposta por Touriño, daquela presidente da Xunta.
Chamou ao PP a abandonar a “confrontación estéril” e apoien esta proposta “a favor de Galicia” e concibida “non para abrir unha trincheira, senón para abrir un camiño” e asumir “máis autogoberno, máis competencias, máis financiamento e máis capacidade para decidir”. Explicou que a proposta abre unha vía para incrementar as competencias, impulsando a Comisión Mixta de Transferencias, e reclama un Plan de impulso do autogoberno con obxectivos, calendario e recursos.
Iglesias emprazou aos grupos parlamentarios a “poñer a Galicia por diante das nosas diferenzas” co obxectivo de reforzar o autogoberno que permitirá “máis capacidade para construír vivenda pública, para afrontar o reto demográfico, protexer o noso medio ambiente, liderar a transición enerxética, atraer industria e crear emprego”. Advertiulle ao PP que “sería un erro histórico repetir o bloqueo” de Feijóo á proposta de reforma do Estatuto de 2006.
Emprazou ao PP a abandonar a deriva marcada polos “pactos vergoñentos de retroceso de dereitos” en Aragón, Castela e León, Estremadura e Andalucía pactando cunha ultradereita que cuestiona o Estado das autonomías, rexeita a realidade das nacionalidades históricas e aposta por recentralizar competencias.
Realidade útil
Reclamou que o autogoberno “deixe de ser un discurso para converterse nunha realidade útil” cando “está en xogo que Galicia participe con voz propia na negociación do novo financiamento autonómico”, que garanta “os recursos necesarios para manter o Estado do Benestar” e que a AP-9 sexa galega.
Sinalou que a proposta “vai sobre o futuro” e actualizar o pacto estatutario para “falar de dereitos que en 1981 -cando foi aprobado o actual Estatuto de Autonomía- nin sequera existían. Iglesias urxiu a incorporar aspectos como o dereito á vivenda, á morte digna, os dereitos do colectivo LGTBI, os dereitos dixitais, o cambio climático, a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a saúde mental ou a mocidade.
