Paloma Castro sinala que “non falamos dun gasto, falamos de prevención, de diagnóstico precoz, de máis oportunidades para milleiros de mulleres e de salvar vidas”
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026. A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha Proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que adiante os cribados de cancro de mama aos 45 anos nos orzamentos do próximo ano. A parlamentaria Paloma Castro defendeu esta iniciativa na que, dixo, “non falamos dun gasto, falamos de prevención, de diagnóstico precoz, de máis oportunidades para milleiros de mulleres e de salvar vidas”.
A responsable socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego que atenda á recomendación do Consello da UE, que en 2022 pediu avanzar cara á realización de mamografías entre os 45 e os 74 anos, unha medida que foi aprobada na Comisión de Saúde Pública do Sistema Nacional de Saúde no pasado mes de maio. Engadiu que este acordo supón “un avance histórico” que prevé a implantación progresiva por parte das comunidades autónomas.
Sinalou que Galicia “debe liderar” a implantación desta medida planificando os recursos necesarios dende os Orzamentos do próximo ano para reforzar os servizos de radiodiagnose para o incremento das mamografías. Engadiu que ampliar o cribado aos 45 anos “non é simplemente modificar unha cifra, é adiantar diagnoses, evitar tratamentos máis agresivos, aumentar a supervivencia e mellorar a calidade de vida” de milleiros de mulleres galegas.
Salientou a importancia de tomar medidas preventivas, sinaladamente nesta enfermidade, que permiten detectar a enfermidade a tempo, e grazas á detección precoz, as mulleres diagnosticadas que precisaron dunha mastectomía descenderon do 50 ao 25 por cento entre 2000 e o 2023. Reclamoulle á Xunta que “deixe de esperar e empece xa a planificar os recursos necesarios para que, a partir de 2027, tódalas mulleres de entre 45 e 49 poidan acceder tamén ás mamografías preventivas.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Manifestar o seu apoio expreso ao acordo acadado na Conferencia Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en relación coa proposta de ampliación do programa de cribado de cancro de mama, reducindo a idade de inicio das mamografías aos 45 anos.
2. Planificar, no marco dos orzamentos 2027, a adaptación do Servizo Galego de Saúde -Sergas- para garantir a aplicación efectiva en Galicia da ampliación do programa de cribado cancro de mama, reducindo a idade de inicio das mamografías aos 45 anos, unha vez foi adoptada a decisión no ámbito estatal.
3. Impulsar campañas de información e sensibilización, co fin de fomentar a participación no cribado e mellorar a detección precoz”.
