AP-9 Congreso Obdulia Taboadela 6 de julio de 2026

O Partido Socialista celebra o acordo do Congreso para a transferencia da AP-9 a Galicia malia a «campaña de bulos» do PP, que volveu quedar só con VOX

A Cámara Baixa debateu esta mañá a lei orgánica para o traspaso á comunidade autónoma das competencias sobre a autoestrada, que se votará pola tarde

Patricia Otero recordou que, se os galegos e as galegas seguen a pagar peaxes, é por culpa do Partido Popular: “Este Goberno non prorrogou ningunha concesión”

“O Partido Socialista está sempre nas solucións, e o PP nos problemas, na marrullería e na lama, dicindo unha cousa en Galicia e facendo outra en Madrid”, criticou

Madrid, 25 de xuño de 2026. A deputada do PSdeG Patricia Otero defendeu hoxe no pleno do Congreso o amplo acordo acadado na Cámara para a transferencia da AP-9 a Galicia. “É un paso moi importante a prol da cidadanía galega”, salientou ao tempo que lle reclamaba ao PP que aproveitase a “nova oportunidade” que tiña para “situarse a favor” dos galegos e galegas. “Non lles fallen unha vez máis”, pediulles aos parlamentarios populares, que finalmente volveron quedar sós no debate xunto aos de Vox.

Otero reivindicou un acordo “froito do diálogo, do consenso e do entendemento” que foi ratificado por todos os grupos políticos “agás o PP e Vox”, remarcou, e lamentou que “non quixeron subirse a este barco” pese a que se trata dunha reivindicación “que saíu do Parlamento de Galicia” cun consenso total.

Lamentou, por iso, a “campaña de bulos e mentiras á que está afeito o PP, que di que se deturpa o acordo do Parlamento galego”. “Non é verdade”, asegurou sobre un texto que “respecta escrupulosamente” o que saíu da Cámara autonómica. Para desmontar esas mentiras, sinalou, en especial, un artigo da nova lei “no que se especifican claramente as responsabilidades de cada Administración, e di que o Estado deberá asumir as consecuencias derivadas das decisións adoitadas mentres manteña a titularidade da autoestrada”, en referencia ao procedemento que a UE ten aberto en relación coa ilegalidade da prórroga da concesión que decidiu Aznar.

“Aznar privatizou a autoestrada, e Feijoo, que era conselleiro, non dixo nin mu”

A parlamentaria socialista criticou que “hai que ter moita cara” para, como fixeron os populares, dicir que todas as autoestradas están deixando de ter peaxes. “Este Goberno non prorrogou ningunha concesión”, recordoulles, e repasou a continuación a “débeda histórica do PP cos galegos e galegas”. “Ano 2000: Aznar prorrogou a concesión. Ano 2003: privatizou a autoestrada. Casualidades da vida, Feijoo era conselleiro entón e non dixo nin mu”, relatou para insistir en que Galicia “está a pagar as consecuencias dunha decisión de Aznar que Feijoo apoiou”.

Defendeu tamén que foi co actual Goberno cando se comezou a desbloquear a lei para a transferencia da infraestrutura. “Que facía antes o PP? Pedía en Galicia e cando chegaba a esta Cámara bloqueaba”, apuntou. Por enriba, tal como subliñou, facíao cun presidente do Goberno do Partido Popular, Mariano Rajoy, galego, e cunha presidenta do Congreso, Ana Pastor, tamén galega. “Dous galegos bloqueando a transferencia da AP-9”, insistiu.

Pola contra, os e as socialistas “somos os que poñemos as solucións”, asegurou. “Se pagamos abusos, é por unha decisión do PP, pero cando nós chegamos ao Goberno puxemos bonificacións que chegan ata o 75 %”, remarcou mentres criticou as mínimas axudas que a Xunta ofrece nas autoestradas de titularidade autonómica.

“Transferencia e bonificacións: o Partido Socialista está sempre nas solucións, e o PP nos problemas, na marrullería e na lama, dicindo unha cousa en Galicia e facendo outra en Madrid”, resumiu.

Logo do debate desta mañá e da votación das emendas, a través das que unicamente PP e Vox se opuxeron ao texto acordado e apoiado por todos os demais grupos políticos da cámara, o pleno do Congreso votará pola tarde a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico á Comunidade Autónoma de Galicia.

Saúdos, comunicación PSdeG-PSOEsos

Noticias relacionadas