Patricia Iglesias reclama que o Goberno galego denegue no fondo o proxecto da macrocelulosa, porque o arquivo “é metelo na neveira” e pode reabrirse en calquera momento mentres siga vixente a declaración ambiental positiva da Consellería de Medio Ambiente
A deputada socialista denuncia que a Xunta se negou a facilitarlle a documentación dos PIE (Proxectos Industriais Estratéxicos) e o memorando secreto asinado con Altri alegando que “pesa demasiado”, e que o enlace á documentación do proxecto Gama no portal oficial dá como resultado “arquivo non encontrado”
Os socialistas apoian os investimentos industriais serios e poñen como exemplo o proxecto de SAIC, froito da cooperación institucional co Goberno de España, ao tempo que emprazan a Rueda a cumprir os prazos comprometidos
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026. A viceportavoz de Industria e Enerxía do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Patricia Iglesias, compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar o fracaso da política industrial do Goberno de Alfonso Rueda e para reiterar a esixencia do PSdeG de que a Xunta dea carpetazo definitivo ao proxecto de Altri. “O que fixo o Goberno galego co arquivo foi metelo na neveira. Pode reabrirse en calquera momento por parte da empresa, e é o que está facendo”, advertiu.
Iglesias cualificou de “chamativo e incomprensible” o sucedido esta semana, cando a promotora de Altri presentou un informe medioambiental elaborado por unha consultora contratada pola propia empresa. “Un informe que, evidentemente, non pode ser independente desde o momento en que o presenta a parte interesada”, sinalou. A deputada lembrou que se presentaron alegacións á fase de arquivo e reclamou á Xunta non só que dite a resolución definitiva, senón que denegue no fondo o proxecto. Porque, dixo, mentres siga vixente a declaración ambiental positiva emitida pola Consellería de Medio Ambiente, subliñou, tanto Altri como a propia Xunta poden reabrir o expediente en calquera momento.
A parlamentaria socialista recordou que os ‘non’ ao proxecto da macrocelulosa non viñeron do Goberno galego, senón do Goberno de España, que rexeitou a axuda económica de 250 millóns de euros que solicitaba a empresa, a conexión da súa subestación eléctrica e a avaliación ambiental estatal, ademais da enorme contestación social que xerou o proxecto.
Neste contexto, Iglesias lanzou unha pregunta directa ao Executivo autonómico: “Teme o Goberno galego que unha denegación definitiva active unha reclamación millonaria de Altri que se pague con cartos públicos de todos os galegos e as galegas?”. A deputada lembrou que a lei de proxectos industriais que o PP modificou pola porta de atrás en 2024 blinda indemnizacións millonarias en caso de denegación dos proxectos industriais estratéxicos. “Que está ocultando a Xunta de Galicia?”, preguntou.
Un memorando secreto que xa é “un problema democrático”
A viceportavoz de Industria volveu reclamar que o Goberno galego faga público dunha vez o memorando secreto asinado entre o CEO de Altri e o presidente da sociedade Impulsa, participada pola Xunta de Galicia, cando Francisco Conde era conselleiro de Economía e Industria. “Levamos anos pedindo ese documento e seguimos sen coñecer que compromisos asumiu a Xunta, que lle prometeu á empresa e que garantías ofreceu o Goberno galego”, denunciou. “Cando un goberno oculta un documento durante tanto tempo, o que era un problema administrativo convértese nun problema democrático”.
Iglesias denunciou ademais o que considera “unha burla” do Goberno galego: o pasado 29 de xuño recibiu resposta á súa nova solicitude de acceso á información sobre os PIE e o memorando, na que a Xunta alega que non pode facilitar esa documentación porque “pesa demasiado”. “No ano 2026, nunha Administración que presume de dixitalización, cando calquera cidadán pode enviar centos de megas a través de calquera plataforma na nube, iso non é unha explicación técnica, é unha escusa política. A opacidade é o modus operandi do Goberno galego”, afirmou. A deputada engadiu que na propia páxina web da Xunta, ao consultar o proxecto Gama de Altri, o enlace á documentación devolve a mensaxe “arquivo non encontrado”. “A documentación do proxecto Altri non está a día de hoxe dispoñible nin é pública. Que queren ocultar?”, preguntou.
Dezaseis PIE declarados, ningún executado
A deputada socialista denunciou tamén a parálise total dos proxectos industriais estratéxicos, a ferramenta que o Goberno galego presentou como a súa gran bandeira industrial para atraer investimentos, crear emprego e acelerar a implantación de novas industrias en Galicia. “Levamos dezaseis PIE declarados polo Consello da Xunta e absolutamente todos están en stand-by. Ningún executado. Basta con entrar no portal de transparencia e ir pinchando en cada un dos proxectos: todos aparecen en fase de alegacións”, explicou.
Segundo Iglesias, os PIE seguen atrapados na tramitación administrativa, moitos deles desde hai anos, sen autorización definitiva, sen actividade e sen os empregos que se anuncian a bombo e prato. “O único que avanzou a toda velocidade foi a propaganda do Partido Popular. Os PIE convertéronse no mellor exemplo dun modelo industrial baseado en anuncios, fotografías e titulares cada vez que remata o Consello da Xunta, pero incapaz de ofrecer seguridade xurídica, transparencia e resultados”, afirmou.
A parlamentaria deixou claro que o PSdeG non está contra os investimentos industriais, senón todo o contrario: aposta pola industria sostible que crea emprego de calidade no país. Neste sentido, aplaudiu proxectos como o de SAIC, que demostra que “cando hai unha estratexia industrial seria e cooperación institucional leal co Goberno de España somos capaces de atraer investimentos de futuro para Galicia”. Iglesias lembrou que, antes da viaxe de Rueda a China, xa viaxara o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e que a competencia en materia de relacións institucionais e acordos comerciais internacionais corresponde ao Goberno de España. “Esa empresa podía ir para outro Estado europeo ou para outra comunidade autónoma. Foi o apoio decidido do Goberno de España, xunto coa localización estratéxica de Galicia, o que fixo que decidise vir aquí. Agora esperamos que o señor Rueda estea á altura e cumpra os prazos aos que se comprometeu”, sinalou.
A deputada concluíu que Galicia necesita unha política industrial “seria, sostible, transparente e planificada, que mire a longo prazo. Non máis propaganda, non máis documentos secretos, non máis expedientes desaparecidos e non máis sombras arredor dun proxecto que nunca debeu hipotecar o futuro de Galicia nin o dos nosos fillos e fillas”.
Apoio á candidatura de Pedro Blanco
Preguntada polos xornalistas sobre o proceso de primarias do PSdeG en Santiago de Compostela, Patricia Iglesias manifestou, a título persoal e como afiliada da agrupación local, o seu apoio máximo á precandidatura de Pedro Blanco á alcaldía. “Eu estou con Pedro. Penso que é un moi bo candidato porque Santiago precisa un proxecto ilusionante, un proxecto que sitúe a capital de Galicia no lugar que merece”, afirmou, antes de lembrar que o prazo de presentación de precandidaturas remata hoxe ás doce da mañá e que o sistema de primarias “só o ten o Partido Socialista”.
Iglesias apuntou algúns dos retos que debe abordar ese proxecto: vivenda sostible para a xente moza que quere instalar o seu proxecto vital na capital, a renovación urbanística e a reactivación do comercio e da actividade económica máis alá do turismo do Camiño de Santiago. “Levo trinta anos vivindo aquí e os meus fillos son picheleiros. O avance de Santiago de Compostela veu sempre da man de alcaldes e proxectos socialistas”, subliñou.
