Dependencia Incendios Lara Méndez 7 de julio de 2026

O Partido Socialista leva ao pleno oito iniciativas para esixirlle a Rueda que cumpra con Galicia e deixe de confrontar: dos incendios á dependencia, pasando pola sanidade e a vivenda

A viceportavoz primeira do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, avanzou hoxe, as iniciativas que levarán ao último Pleno do período de sesións, no que o PSdeG segue a por o foco nos temas que realmente lle preocupan aos galegos e galegas

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026. A viceportavoz socialista, Lara Méndez, avanzou hoxe en rolda de prensa, tras a Xunta de Portavoces, as iniciativas que o seu grupo Socialista levará ao último Pleno do período de sesións. A pregunta central correrá a cargo do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que interpelará ao presidente da Xunta sobre por que prioriza sistematicamente a confrontación partidista fronte á defensa dos intereses de Galicia.

“Cando falamos de autogoberno, falamos de financiamento, e aí o Partido Popular non é capaz nin de sentarse a negociar”, sinalou Méndez, que lembrou que quen tería que confrontar propostas é precisamente quen ata agora só opuxo bloqueo. A voceira puxo como exemplo a xestión das transferencias pendentes: “Cando a transferencia está enriba da mesa, o único recurso que atopa o Goberno galego é, de novo, a confrontación”.

Méndez avanzou ademais que o Grupo Socialista levará ao Pleno outras sete iniciativas:

Unha moción sobre incendios forestais, na que o PSdeG esixe á Xunta que faga público e controlable o traballo de limpeza de biomasa de Seaga, que redistribúa os medios contraincendios segúndo o risco real de cada zona e que cumpra o seu propio compromiso de ter limpas as franxas secundarias antes do 31 de maio, “ainda que sexa en xullo”.

Unha proposición non de lei sobre autogoberno, que reclama ao Executivo galego seguir negociando por vía bilateral, como se fixo no acordo de maio de 2025, e deixar de utilizar as leis de acompañamento dos orzamentos para modificar normas sen consenso parlamentario.

Outra proposición non de lei sobre dependencia, que denuncia que 345 galegos e galegas morreron en 2024 agardando unha valoración ou prestación, e que Galicia é a comunidade que menos investe por persoa potencialmente dependente, con 1.490 euros fronte aos 3.102 do País Vasco.

Unha interpelación sobre o inicio do curso escolar, ante a reiterada falta de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación cada setembro.

Unha pregunta urxente sobre os danos causados polas tormentas do pasado 17 de xuño nos concellos afectados da provincia de Ourense.

Unha pregunta sobre o servizo de radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti, que ata hai nada dependía dun único acelerador lineal con máis de dez anos de antigüidade e avarías constantes, e que atende a máis de 60 pacientes oncolóxicos ao día. “Os pacientes oncolóxicos non entenden de festivos, nin de períodos estivais”, snalou.

E unha pregunta sobre o proxecto de San Mauro en Pontevedra, no que a Xunta prevé expropiar a prezos de entre 2 e 10 euros o metro cadrado para construír 2.010 vivendas, fronte aos máis de 250 euros que o propio Concello paga noutras zonas da cidade para adquirir terreos.

Méndez subliñou que, co peche deste período de sesións, o Grupo Socialista segue levando ao Pleno os temas que realmente lle preocupan á cidadanía galega.

Noticias relacionadas