O deputado socialista Julio Torrado defendeu que a Xunta debe levar ao Consello Interterritorial a súa posición e impulsar nese foro que se analice a posibilidade do paso dos TCAE do grupo C2 ao C1
O portavoz socialista de sanidade, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta en comisión parlamentaria que tome en consideración as reivindicacións dos técnicos en coidados auxiliares de enfermaría en canto á súa categoría profesional, que a analice e que fixe unha posición ao respecto.
En concreto, defendeu que o Goberno autonómico, a través da súa participación no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e con motivo da reforma da Lei de ordenación de profesións sanitarias, impulse o estudo da recategorización dos TCAE, para o seu paso do grupo C2 ao C1.
O deputado do PSdeG valorou o “labor imprescindible” destes técnicos e salientou que a súa posición dentro da estrutura do sistema sanitario “está fundamentada en realidades moi anteriores á actual”.
Referiuse a aspectos tanto formativos coma asistenciais. Nese senso, sinalou que, desde a actualización académica do Plan Bolonia, os seus estudos aumentaron de grado, o que non supuxo un aumento de categoría. Ademais, os TCAE teñen máis funcións que antes, o que tampouco se traduciu nunha mellora de nivel.
Torrado recoñeceu que non se trata dun cambio sinxelo, pero demandou a implicación do Goberno de Rueda á hora de analizar as reformas que están a pedir os profesionais. Por iso, lamentou que o Grupo Popular se opuxese a esa proposta votando en contra na comisión, máis aínda, cando en outras comunidades se posicionou a favor.
Antes da sesión, Julio Torrado reuniuse no Parlamento con representantes do colectivo de técnicos en coidados auxiliares de enfermaría, que, recordou, manteñen desde hai tempo unha demanda “que non é a primeira vez que se debate no Parlamento galego” e que “merece ser estudada”.
