PARLAMENTO DE GALICIA Silvia Longueira 7 de julio de 2026

O PSdeG denuncia que a Xunta xestiona a discapacidade “a golpe de emerxencia social” e reclama unha lei galega que garanta prazas no contorno e a continuidade dos servizos

Silvia Longueira critica que o PP pechase “cunha urxencia inexplicable” e en apenas un mes o ditame dunha comisión que levaba doce anos aberta, sen dar tempo a validar as conclusións co terceiro sector

O Grupo Socialista presentou 56 alegacións ao ditame, das que foron aceptadas 27, e lamenta que a área de emprego, “fundamental para o noso grupo”, quedase practicamente fóra

A deputada do Grupo Socialista Silvia Longueira denunciou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta xestiona a atención ás persoas con discapacidade “a golpe de emerxencia social”, un mecanismo que, advertiu, se converteu na vía habitual para asignar prazas saltando a lista de espera e vulnerando o dereito ao arraigo e á libre elección das persoas usuarias e das súas familias.

Durante o debate do ditame da comisión especial de estudo sobre políticas de discapacidade, Longueira criticou a présa do Partido Popular por pechar “nun só mes e a golpe de ten que ser así” un traballo que levaba doce anos aberto. “Parece que hoxe declaramos o Día Mundial da Urxencia e da Emerxencia”, ironizou a deputada, que lembrou que o Grupo Socialista solicitou unha ampliación do prazo ata o próximo período de sesións para poder validar as conclusións co sector, unha petición que non foi atendida. “Non se trata de facer política de trazo groso cun sector que leva doce anos agardando”, sinalou.

O PSdeG presentou 56 alegacións ao ditame, das que foron aceptadas 27. Longueira lamentou especialmente que a área de emprego, “fundamental para o noso grupo”, non fose tida en conta, e subliñou que en Galicia preto de 270.000 persoas son susceptibles de ter algún tipo de discapacidade.

Tres eixos que vulneran dereitos recollidos na lei

A deputada socialista sinalou tres eixos nos que, a xuízo do seu grupo e do propio sector, a Consellería de Política Social está a vulnerar dereitos e necesidades pactadas na lei. O primeiro é a sostibilidade económica do concerto social. “Non pode ser que o terceiro sector teña que pagar e financiar o que ten que facer a Administración”, afirmou. Longueira denunciou que a Xunta é lenta á hora de revisar os prezos: o pasado ano actualizáronse a duras penas os custos de persoal, pero os gastos xerais seguen sometidos, “dun xeito erróneo”, á lei de indexación, o que impide trasladar aos concertos a subida da luz, dos combustibles e da carestía da vida. “Houbo entidades que tiveron que pedir liñas de crédito para poder seguir prestando o servizo que lles encarga a propia consellería. As asociacións necesitan, basicamente, poder vivir”, advertiu.

O segundo eixo é o arraigo. A insuficiencia de prazas públicas e concertadas provoca situacións “caóticas” nas que persoas atendidas nun centro ocupacional, cando o seu deterioro esixe pasar a un centro de día ou a unha residencia, non atopan praza no seu contorno e vense obrigadas a marchar do lugar onde sempre foron coidadas. E cando hai vacantes, engadiu, en lugar de ocuparse baixo o criterio do arraigo, adoitan asignarse a persoas procedentes de fóra do contorno. “Incúmprese así o que recolle a Lei de servizos sociais, que obriga a facer prevalecer o arraigo social e familiar”, denunciou.

O terceiro eixo é a continuidade dos servizos nun contorno profesional, que “ten que estar garantida e non o está”. Longueira expuxo un caso especialmente grave: familias que, cun enorme esforzo económico, “case empeñando o seu patrimonio”, contribuíron a construír residencias para que os seus fillos e fillas tivesen asegurada unha praza o día de mañá. Esas prazas, unha vez concertadas coa Xunta, acaban ocupadas por emerxencia social por persoas alleas ao contorno, de xeito que cando a familia as precisa xa non están dispoñibles. “Vulnérase a libre elección e transmútanse as iniciativas persoais e privadas que un día fixeron grande o terceiro sector”, afirmou.

Un baremo opaco e sen transparencia

Na raíz do problema, explicou a deputada, está o programa de asignación de recursos da Xunta, que responde a obxectivos distintos aos da propia lei: as prazas asígnanse en función do grao de dependencia, da capacidade económica e de factores sociais, e a demanda é tal que a emerxencia social acabou converténdose no mecanismo que permite saltar a espera. Longueira reclamou transparencia sobre o documento de asignación de recursos, que hoxe non é público, para que as entidades do terceiro sector poidan facer seguimento das adxudicacións e evitar que se perda o arraigo social e familiar que tanto custou construír.

A deputada alertou tamén do aumento de casos de saúde mental que transcenden a discapacidade, o chamado trastorno dual, que combina enfermidade mental non tratada con discapacidade intelectual. Segundo indicou, en Galicia existen apenas entre 110 e 115 prazas específicas para estes perfís, polo que a Xunta está a derivar por emerxencia social a persoas con graves problemas de conduta a centros que non están especializados nin equipados para atendelas, poñendo en risco o persoal e o resto de persoas usuarias. “Hai que crear o recurso, porque hoxe non existe. Onde hai unha praza vacante, métese a ver se cadra”, censurou.

Longueira referiuse ademais ao plan estratéxico da discapacidade que elabora a Xunta a través dunha consultora privada e que “avanza a paso lento”. Lembrou que en Galicia se fixeron “plans e plans” sen indicadores, sen obxectivos medibles e sen seguimento, e cualificou de incomprensible que, ao mesmo tempo, o Goberno galego se poña agora a redactar un plan de autismo en paralelo. Reclamou tamén avanzar na accesibilidade cognitiva, a que máis afecta ao colectivo, desde a lectura fácil ata a accesibilidade dixital das páxinas web da Xunta.

A deputada socialista concluíu reclamando que todas estas cuestións se recollan na futura lei galega de discapacidade que, ao seu xuízo, ten que vir despois deste ditame. Longueira comezou a súa intervención cunha homenaxe ao terceiro sector, presente na tribuna do Parlamento: “Galicia non se entende sen as vosas iniciativas, as vosas ideas e a cotidianeidade do voso traballo. Non somos nada sen vós. Sodes a solución ao problema, a normalidade fronte ao excepcional e a tranquilidade fronte á incerteza”.

Noticias relacionadas