Paloma Castro PARLAMENTO DE GALICIA Pontevedra 8 de julio de 2026

O PSdeG esixe á Xunta que negocie cos case 300 veciños de San Mauro antes de expropiar as súas casas e terreos

Paloma Castro denuncia no Parlamento que a Xunta puxo en marcha o maior proxecto urbanístico de Pontevedra sen informar nin consultar aos afectados, que souberon do que se pretendía facer coas súas propiedades pola publicación no DOG

Castro reclama á conselleira de Vivenda que abra un proceso real de diálogo cos afectados e advirte de que “un proxecto de interese autonómico non pode converter aos veciños nos únicos que pagan o custo dunha política pública da que se beneficia toda a sociedade”

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026. A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia Paloma Castro reclamou hoxe á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que a Xunta escoite aos veciños e veciñas afectados polo Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de San Mauro, en Pontevedra, e busque con eles unha solución consensuada antes de seguir avanzando na súa tramitación. “Pedímoslle que neste momento, en fase inicial do proxecto, antes de dar máis pasos, se lles escoite, se fale con eles e se chegue a unha solución de consenso”, dixo.

O PIA de San Mauro é o maior proxecto urbanístico planificado agora mesmo na cidade de Pontevedra. Afecta a 21 hectáreas de solo nas que se prevé construír 2.010 vivendas, o 80% protexidas, ademais de zonas verdes e equipamentos comerciais e públicos. Pero afecta tamén, subliñou Castro, a case 300 veciños e veciñas: 13 propietarios de vivendas unifamiliares e 270 titulares catastrais de terreos.

A parlamentaria socialista lembrou que a Xunta declarou o interese autonómico do proxecto en abril de 2025 e aprobou a delimitación do ámbito en agosto dese ano sen falar previamente cos veciños da zona, sen informalos e sen consultalos. “Algúns decatáronse pola publicación no DOG”, denunciou. En marzo de 2026 o Consello da Xunta aprobou inicialmente o PIA e abriu o período de exposición pública, un trámite que os afectados tiveron que afrontar, dixo, “a cegas, sen coñecer que se pretende facer na zona nin coas súas propiedades”.

“Cumprir un trámite de información pública non equivale a participar”, advertiu Castro. “A participación non consiste en colocar un expediente durante un prazo determinado para que quen teña coñecementos xurídicos presente alegacións. Participar significa explicar previamente o proxecto, reunirse cos afectados, estudar alternativas e intentar incorporar as súas achegas antes de adoptar unha decisión que vai cambiar radicalmente a súa vida”.

A deputada cualificou de “irrisorias” as valoracións que a Xunta trasladou aos propietarios, de entre 2 e 10 euros por metro cadrado, e denunciou que o proxecto rompe un dos principios básicos da lexislación urbanística, a equitativa distribución de beneficios e cargas. “Aquí toda a comunidade obtén un beneficio, que é máis vivenda protexida, e os actuais propietarios soportan case toda a carga: perden os seus terreos ou as súas vivendas mentres o aproveitamento urbanístico se xera para terceiros, nomeadamente para quen vai desenvolver o proxecto”, explicou.

Castro cuestionou tamén a alternativa que se ofrece aos propietarios de vivendas, que consiste en entregar unha vivenda de ata 120 metros cadrados coa prohibición de transmitila durante dez anos. “Quen hoxe é propietario dunha vivenda libre pasa, pola decisión unilateral da Xunta, a recibir unha vivenda sometida a limitacións durante dez anos. Iso non é manter a mesma posición xurídica; é empeorala”, sinalou.

A socialista preguntou á conselleira por que, se o obxectivo é facer vivenda pública, a Xunta non intentou primeiro adquirir solo mediante compra voluntaria, non abriu un proceso de mediación nin negociou convenios cos propietarios. “Por que o primeiro contacto real con estes veciños chega cando denuncian publicamente o seu desacordo coa expropiación?”, cuestionou.

Fronte ao argumento da Xunta de que a normativa estatal de valoracións lle impide negociar, Castro replicou que “iso simplemente non é certo”. “O Regulamento fixa criterios de valoración cando hai expropiación, pero en ningún artigo prohibe abrir un proceso de diálogo, acordar solucións individualizadas ou buscar fórmulas que minimicen o impacto social”, explicou. “O que cuestionamos é que se escuden nela para evitar facer política. Un Goberno que pretende impulsar un proxecto de interese autonómico debería empezar escoitando aos veciños, non enviándolles unha folla coa valoración das súas propiedades”.

A deputada lembrou que a boa administración “non consiste en cumprir exclusivamente os trámites mínimos que marca un procedemento, senón en explicar, escoitar, dialogar e intentar alcanzar solucións antes de exercer a potestade máis intensa que ten unha Administración, que é privar a unha persoa da súa propiedade mediante unha expropiación”. E advertiu: “a lexitimidade dunha expropiación non depende só de que exista cobertura legal, senón tamén da forma na que a Administración trata ás persoas afectadas”.

“Un Goberno pode cumprir escrupulosamente un procedemento administrativo e, ao mesmo tempo, gobernar mal”, concluíu Castro. “Gobernar ben non consiste só en publicar un expediente no DOG; consiste en mirar aos veciños aos ollos antes de decidir sobre as súas casas, explicarlles o proxecto, escoitalos e buscar solucións compartidas. Iso é servir ao interese xeral. Iso é boa administración. E, lamentablemente, iso é precisamente o que botaron en falta os veciños e veciñas de San Mauro”.

Noticias relacionadas