AP-9 Congreso Patri Otero 6 de julio de 2026

Patri Otero, ao PP: «Hai que ter moita cara para dicir que traballan por conseguir a transferencia da AP-9 e despois votar en contra»

A Comisión de Transportes do Congreso aprobou, malia a oposición dos populares e Vox, que volveron votar xuntos, o ditame da lei para o traspaso da autoestrada a Galicia, que agora se someterá ao pleno

“Os galegos e galegas sufrimos o abuso das peaxes por unha decisión de Aznar, que despois de prorrogar a concesión ata o 2048 privatizou a autoestrada”, recordou a parlamentaria do PSdeG

Madrid, 16 de xuño de 2026. “Hoxe é un gran día, un día de alegría para Galicia polo que levamos traballando moito tempo”. A deputada socialista Patricia Otero celebrou así a aprobación hoxe, na Comisión de Transportes do Congreso, do ditame da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico á comunidade autónoma, un texto saíu adiante malia o voto en contra do PP e de Vox.

Otero felicitouse, na súa intervención en defensa do traspaso, por un acordo “froito do consenso e dun gran traballo entre tres grupos” para conseguir que Galicia sexa “dunha vez” a titular da AP-9. De feito, valorou que con diálogo e busca de consenso “conséguense máis cousas, que neste caso son boas para a comunidade”.

Porén, lamentou a posición do Partido Popular, “que en Galicia di que quere que a autoestrada sexa galega, pero en Madrid vota en contra”, un PP que se dedicou a “boicotear o acordo con moitas mentiras”, censurou. Pola contra, defendeu que o pacto respecta “o espírito e a vontade expresada polo Parlamento de Galicia”. Lembrou tamén que os populares “ventilaron o relatorio” no Hórreo sen ter en conta as achegas de outros grupos, pero agora “pedían para eles o que non lles conceden aos demais”.

A deputada do PSdeG afirmou que no texto acordado “queda clara a responsabilidade de cada Administración e que será o Estado o que asuma as consecuencias” que se deriven de asuntos relacionados co seu período de titularidade da infraestrutura.

Por iso criticou a falta de respecto á democracia por parte dos populares. “Demostrárono unha vez máis presentando votos particulares que son unha emenda á totalidade. Deixen xa de enganar e poñer paus nas rodas”, recomendoulles despois de que os deputados do PP tratasen de obstaculizar a aprobación do ditame a través dunha estratexia que nin sequera apoiou Vox.

Rueda “terá que dar moitas explicacións”

“Cando teñen a oportunidade de ratificar se están do lado da cidadanía galega, tras anos dicindo que queren a transferencia, votan en contra”, insistiu Otero, que adiantou que Rueda “terá que dar moitas explicacións”.

“Hai que ter moita cara para dicir que traballan por conseguir a transferencia e despois votar en contra”, recriminoulles para lembrar que cando o PP gobernaba, “cun presidente galego e cunha presidenta do Congreso que era galega”, chegou a bloquear ata en dúas ocasións a toma en consideración da lei orgánica para a transferencia. “Non é que a bloquearan despois, é que nin sequera quixeron que se debatera”, remarcou.

A prórroga da concesión, unha débeda do PP coa cidadanía

Patricia Otero asegurou que o PP ten “unha débeda coa cidadanía galega” despois de que Aznar, en no ano 2000, decidise estender a concesión da autoestrada ata o 2048 e, “curiosamente”, privatizala en 2003, só tres anos despois. “Entón Feijoo era conselleiro de de Política Territorial, e non dixo nada porque estaba de acordo”, criticou.

Para a deputada socialista, aquela prórroga “hipotecou” a Galicia. “Hoxe os galegos e galegas seguimos pagando as consecuencias”, dixo.

Tal como apuntou, foron os gobernos de Pedro Sánchez os que, por primeira vez, enfrontaron con decisión o problema, “poñendo en marcha descontos históricos que chegan ata o 75 %”. “Esas si son medidas que benefician ás familias, aos autónomos e ás empresas”, afirmou.

Pola contra, en Galicia existen dúas autoestradas autonómicas cuxas bonificacións “nin se achegan” ás que financia o Estado, xa que Rueda lle pide ao Goberno a gratuidade mentres el mantén peaxes sen case axudas aos usuarios e usuarias.

“Seguiremos traballando agora que se ve moi cerca esa transferencia da AP-9 a Galicia”, asegurou Otero, xa que a aprobación da lei só está pendente do si do pleno do Congreso, ao que se someterá en breve.

“Mais isto non vai só da titularidade: vai de sobrecuste. Seguiremos traballando tamén para que a autoestrada deixe de custarlles cartos aos galegos e galegas, e que cando a Xunta sexa a titular, siga avanzando nesas bonificacións”, dixo Patricia Otero sobre o que o PSdeG vén situando sempre coma obxectivo prioritario respecto da AP-9: a gratuidade.

Saúdos, comunicación PSdeG-PSOE

Noticias relacionadas