A deputada socialista criticou que Galicia, cun déficit de máis de 11.000 prazas, estea “á cola do financiamento” mentres o Goberno de Rueda incumpre a súa obriga legal de desenvolver un plan estratéxico de servizos sociais
Reclamou informes sobre o destino dos fondos que Estado transfire para o financiamento da dependencia, sobre as cantidades detraídas para convertelas no bono coidado e sobre as achegas aos concellos para dar cobertura ao SAF
A portavoz socialista de política social no Parlamento galego, Silvia Longueira, advertiu hoxe no pleno acerca do “descontrol, a falta de planificación e mesmo o desinterese que amosa o Goberno da Xunta” respecto do sistema de dependencia. Foi durante a defensa dunha iniciativa a través da que lle reclamou ao Executivo de Rueda informes detallados sobre as achegas do Estado para o financiamento da Lei de Dependencia en Galicia entre 2012 e 2015, as achegas enviadas aos concellos para dar cobertura ao servizo de axuda no fogar no mesmo período e as cantidades detraídas das contribucións do Estado de 2023 a 2026 para convertelas no bono coidado.
A deputada do PSdeG explicou na súa intervención que desde 2017 morreron máis de 7.000 galegas e galegos esperando unha valoración ou unha prestación relacionada coa lei de dependencia. Todas esas persoas “quedaron sen o dereito que lles correspondía”, dixo, porque, segundo o Observatorio da Dependencia, “Galicia é a comunidade que menos inviste por persoa potencialmente dependente”. De feito, sinalou o contraste entre a media de 3.102 euros que destina o Goberno vasco a cada dependente cos só 1.490 que dedica a Xunta. “Galicia está á cola do financiamento”, insistiu para recordar que na recente proposta á Fegamp a Xunta estableceu 16 euros por hora para o copago do SAF, cando os cálculos sitúan o prezo moi por enriba desa cantidade.
Por outra banda, Longueira cifrou en 11.509 prazas o déficit para cumprir a ratio de oferta en residencias para persoas maiores. Porén, sinalou que a ocupación media se situou en só un 76 %, moi por debaixo da media nacional, e que Galicia é a comunidade onde menos solicitudes se presentan en proporción á súa poboación de maiores. Isto significa, segundo afirmou, que pode haber unha suma de “desinformación, desconfianza e burocracia disuasoria”.
“O sistema non chega porque non funciona, e así prodúcense hospitalizacións prolongadas por falta de prazas sociais, e este é o síntoma máis evidente do colapso”, alertou sobre o que cualificou de “hospitalización social encuberta”, algo “inhumano” que, ademais, bloquea camas, saturación nas urxencias e atrasos nas intervencións cirúrxicas. “Convértense os hospitais en centros asistenciais improvisados”, criticou.
Longueira enumerou algúns dos “desatinos” do Goberno de Rueda á hora de xestionar os servizos sociais. Entre eles, citou “o desvío de fondos do SAF ao apartado de bonos”, ofrecéndoos “por enriba do servizo de axuda no fogar”, ou a simplificación da petición de entrada aos servizos de dependencia “acotando os sistemas de control sobre unha poboación vulnerable”. Esta simplificación “levou a que se fixeran valoracións dos dependentes por teléfono”, algo “inaudito”.
Falou tamén de “erros e traspapelamentos á hora de valorar conxuntamente dependencia e discapacidade, motivo polo que formulou recurso o Goberno de España”, e dunha xestión “sen unificación nin planificación do sistema de residencias asistenciais”, de modo que seguen a xestionarse “macrorresidencias fronte ás peticións dos usuarios”.
Silvia Longueira tamén se referiu á situación laboral das profesionais do SAF, “un traballo feminizado” no que as condicións son “claramente preocupantes”. Apuntou que o convenio colectivo do sector leva caducado desde o 2023, sen que a Xunta fixese nada para resolver a situación.
O que demostran todos eses datos, segundo salientou a parlamentaria socialista, é o incumprimento da Lei de Servizos Sociais de Galicia, do ano 2008. Por iso, o PSdeG reclama “o establecemento normativo de todos os servizos sociais e a súa planificación mediante a elaboración do Plan de Servizos Sociais e os programas sectoriais”, tal como figura na normativa.
Pero, ao contrario, ese plan estratéxico non se aprobou desde a publicación da lei, hai xa 18 anos, cando debera elaborarse cada 6. “Deberíamos ter dous plans estratéxicos e estar a piques de comezar o terceiro”, subliñou.
Longueira defendeu tamén que, se o PP se escuda no “único argumento” de que o Estado mantén con Galicia unha débeda de 3.000 millóns polo infrafinanciamento da lei de dependencia, a Xunta “debería reclamala” aínda que fose xerada durante o Goberno de Rajoy.
Fronte a ese caos, a deputada socialista destacou que “nos próximos días” Galicia contará cunha ampliación “histórica” das contías que o Estado transfire para financiar o sistema de dependencia. Segundo explicou, suporá que, ao final de 2027, a comunidade podería reducir nun 62,30 % a lista de espera para acceder a unha prestación efectiva. “Iso tradúcese en que en só ano e medio podería conseguirse que 800 persoas deixasen de estar en lista de espera”, asegurou. Ademais, no mesmo prazo, Galicia disporá de fondos abondo para lograr que 15.900 persoas máis reciban unha prestación por dependencia, “o que supón un aumento do 16,64 % respecto a 2025”.
