- Alerta fronte á deriva “ultra e ruín” do PP, que “abandona a empatía e a humanidade para abrazar sen complexos as ideas xenófobas da ultradereita”
- O líder dos socialistas galegos participa na XLI Festa do Emigrante de Pol, onde reivindica o papel da emigración glaegoa, que representan “a nosa memoria e tamén o presente e o futuro de Galicia»
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe a Rueda a desmarcarse da petición de Feijóo de confinar Ceuta porque “non está xustificada dende o punto de vista sanitario, ten implicacións xurídicas serias e connotacións racistas coas que discrepamos totalmente”. Así o dixo dende a Festa do Emigrante de Pol, onde reivindicou o papel da emigración galega, que “non só é parte da nosa historia, senón tamén unha oportunidade para construír á Galicia do futuro”.
Besteiro esixiulle ao líder do PP galego que “marque distancias e reprobe as declaracións de Feijóo” apelando á “experiencia de Galicia como pobo emigrante”, que a volve “especialmente sensible” diante dos discursos racistas que alimentan o medo e o odio. Alertou fronte á deriva ultra e “ruín”, do PP, que “abandona a empatía e a humanidade para abrazar sen complexos as ideas xenófobas da ultradereita que nos arrastran cara unha sociedade peor”.
Defendeu unha sociedade “baseada na convivencia, na empatía e no respecto”, e alertou fronte ás posicións do PP, que ao asumir discursos contra a inmigración “non representan os valores dunha Galicia solidaria e aberta”. “Galicia, pola súa experiencia como pobo emigrante, debe ser especialmente sensible fronte a este tipo de discursos xenófobos”.
Festa do Emigrante
O líder dos socialistas galegos participou hoxe na XLI Festa do Emigrante do Concello Lugués de Pol, que cada ano homenaxea aos veciños e veciñas que tiveron que emigrar e que regresan ao seu lugar de orixe. Besteiro lembrou que a emigración “non é só parte da nosa memoria, senón que tamén é presente e futuro de Galicia”, e constitúen “unha oportunidade para construír a Galicia do futuro”.
Besteiro lembrou a súa recente visita a Arxentina e Uruguai onde “puiden comprobar que a diáspora segue formando parte de Galicia” e reivindicou o papel dos socialistas para recoñecer os dereitos dos galegos e galegas emigrados. Aludiu á recente aprobación da Lei de Netos no Congreso sen o apoio de PP e BNG, que supuxo unha “reparación histórica” que permitiu que milleiros de descendentes da emigración no exilio accederan á nacionalidade.
Engadiu que “os e as socialistas galegos queremos recoñecer os dereitos dos emigrantes, preservar a nosa memoria e identidade democrática e abrir oportunidades de cooperación co mundo”.
