Carmen Rodríguez Dacosta incendios forestais 9 de agosto de 2026

Carmen Dacosta reclámalle á Xunta un plan de recuperación para as zonas afectadas polos incendios: «Hai que facer prevención, estabilizar o solo e preparar o territorio para o cambio climático»

Esixiulle ao Goberno de Rueda que complete os investimentos que o Estado dedica á rehabilitación dos montes e as infraestruturas afectados polos lumes do ano pasado

“Non pode quedar de brazos cruzados nin esperar a que unha nova catástrofe volva golpear Galicia para reaccionar”, advertiu a deputada socialista

A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta defendeu hoxe o investimento na restauración dos montes queimados en 2025 co fin de “facer prevención, estabilizar o solo, reducir o risco de erosión e preparar o territorio fronte aos efectos do cambio climático que temos enriba”. Dacosta sinalou que, mentres o Estado mobilizou máis de 27 millóns de euros “en distintas actuacións e axudas para a recuperación das zonas afectadas”, a Xunta segue sen presentar un plan propio.

Por iso, tal como adiantou, o Grupo Socialista defenderá no Parlamento galego iniciativas para que o Goberno de Rueda complete os investimentos estatais, entre os que se atopan un importe de 9,5 millóns de euros por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, destinados a actuacións de restauración hidrolóxico-forestal, e unha partida de axudas por máis de 1,4 millóns de euros, que cobren ata o 50 % do custo subvencionable de diferentes actuacións.

Esta última liña, promovida polo Ministerio de Política Territorial, ten especial incidencia en Ourense, en 28 concellos nos que o lume causou máis estragos. Á provincia correspóndelle arredor do 90 % do total. Con todo, “a recuperación integral dos territorios afectados non pode depender exclusivamente da actuación do Estado”, subliña o texto que o PSdeG levará á Cámara autonómica.

Carmen Rodríguez Dacosta insistiu esta mañá en que a Xunta “non pode quedar de brazos cruzados nin esperar a que unha nova catástrofe volva golpear Galicia para reaccionar”, xa que é a Administración con competencias en materia de montes e, polo tanto, “a responsable de actuar”.

“Por iso reclamamos ese plan extraordinario de recuperación das zonas afectadas polos incendios, que complete as actuacións impulsadas polo Estado, que financie a restauración hidrolóxica forestal e a reparación das infraestruturas públicas danadas e que garanta que ningún concello, ningunha explotación agraria ou gandeira, ningún monte veciñal e ningunha persoa afectadas queden sen as axudas necesarias para recuperar o perdido”, remarcou, e concluíu: “Recuperar hoxe o monte é tamén protexer o futuro de Galicia”.

Noticias relacionadas