“É triste, pero a situación agrávase día tras día, saltan incidencias por toda Galicia e parece que non hai ninguén á fronte nin intención de resolver nada”, criticou o deputado socialista
Mostrouse “moi escéptico” sobre a reforma da atención primaria da que fala a Xunta: “O PP quere anunciala, pero facela xa lle custa máis, porque para iso hai que ter vontade”
Defendeu un cambio de modelo asistencial no que Galicia deixe de ser a segunda comunidade que menos inviste en primaria: “Non podemos vivir como hai 30 anos”
O deputado socialista Julio Torrado chamou hoxe a atención sobre as múltiples incidencias que se están rexistrando na sanidade galega a medida que avanza o verán. Nunha comparecencia esta mañá, dixo que “é triste atinar con tanta facilidade que vai haber problemas no sistema, porque é máis fácil predicilos que a chegada da calor”. “A situación agrávase día tras día, saltan incidencias por toda Galicia e parece que non hai ninguén á fronte nin intención de resolver nada”, engadiu antes de enumerar algunhas das dificultades que se están rexistrar durante as últimas semanas.
Entre outras, o portavoz socialista de sanidade no Parlamento galego sinalou a protesta desta fin de semana en Verín polas longas listas de espera, algo que enmarcou no que acontece en outras localidades que teñen hospitais comarcais, nos que hai perda de profesionais e de servizos, e referiuse aos problemas na zona do Salnés, coa saturación do centro de saúde de Cambados, por exemplo, e a decisión da Xunta de eliminar a ambulancia medicalizada do hospital para trasladala a Sanxenxo pese á gran afluencia á comarca durante a época estival.
Citou tamén os problemas que existen na Mariña lucense, en ambulatorios coma o de Viveiro ou o de Cervo, debido á falta de profesionais, a alerta dos profesionais de urxencias do hospital de Pontevedra da dificultade para atender a demanda que se está a producir ou as protestas dos profesionais das ambulancias en Ourense para conseguir un necesario reforzo do servizo. “Da a sensación de que no Sergas as primeiras que collen vacacións son as gañas de traballar”, ironizou.
Torrado lamentou que, agora, o Goberno de Rueda “fía todo a unha reforma da atención primaria” malia que xa non é un anuncio novo. “Debe de ser a quinta ou a sexta vez que a venden”, criticou, e remarcou: “O que sabemos é que é anuncio, anuncio e anuncio, pero a realidade non é ningunha”.
Censurou que o único que transcendeu dese pretendido plan ata o momento é que as medidas que contén daranse a coñecer en setembro, tras dous anos do actual conselleiro no cargo, durante os que “a gran innovación está en saber que hai que dispor de máis profesionais”. “Dous anos de traballo e dezasete dos goberno de Feijoo e Rueda para sabelo”, lamentou.
Fronte a esa falta de solucións, o voceiro de sanidade sinalou que, se o PP quere involucrarse en reformular o sistema despois de “anos rexeitando as ideas que propón o PSdeG e que trasladan tamén os colectivos de profesionais”, os socialistas están dispostos a sentarse a negociar propostas “xa no mes de agosto”, sen agardar a setembro.
Julio Torrado asegurou que o sistema sanitario galego precisa de solucións xa, como “máis profesionais, con mellores contratos, novos deseños organizativos e novas estruturas”, medidas que o PSdeG leva anos formulando. “Non hai que esperar en función de cando interesa contar as cousas, senón que se poñan en marcha”, subliñou.
A preguntas dos medios de comunicación, o deputado socialista insistiu na necesidade de cambiar o modelo asistencial en Galicia, “a segunda comunidade que menos orzamento dedica a atención primaria”.
“Necesitamos investimento real para poder transformar sobre todo a primaria. Non podemos vivir como hai 30 anos, cun modelo de médico ou médica con enfermeiro ao lado, algo que non ten sentido ningún”, explicou. Torrado defendeu a incorporación de outros profesionais, a coordinación de equipos “verdadeiramente multidisciplinares” dentro dos centros de saúde e maior habilitación de funcións para os profesionais da enfermaría.
Valorou tamén a incorporación de administrativos especializados en sanidade “para permitir que os médicos fagan medicina e que non dediquen o 30 % do seu tempo a introducir datos no ordenador ou renovar unha receita”.
“Hai que cambiar o sistema pola vía que xa están collendo moitos outros lugares para que sexa máis resolutivo”, afirmou antes de mostrarse “moi escéptico” cos plans do Goberno de Rueda: “O PP quere anuncialo, pero facelo xa custa máis, porque para iso hai que ter vontade, algo que, polo de agora, non mostrou nunca”.
