Lara Méndez Ultradereita 2 de agosto de 2026

O PSdeG acusa a Rueda de estenderlle «a alfombra vermella» á ultradereita: «Cada vez está máis claro que PP e Vox son o mesmo»

Lara Méndez advirte de que a porta que o presidente da Xunta lle abre á ultradereita en Madrid «dá directamente a San Caetano» e acúsao de confundir o cargo institucional  «co posto de xefe de campaña» de Feijóo

O PSdeG saíu hoxe ao paso das declaracións nas que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avala que Feijóo pacte con Vox tras as vindeiras eleccións xerais e pide que eses acordos se normalicen se son necesarios para gobernar. A secretaria de Organización dos e das socialistas galegas, Lara Méndez, considera que cada vez está máis claro que PP e Vox son o mesmo: «Non o dicimos nós,  confírmao el cada vez que fala», afirmou.

«Para Rueda, pactar coa ultradereita é o lóxico. É dicir, que sentar nos gobernos a quen nega a violencia machista e o cambio climático, por exemplo,  é o lóxico. “Onde media Europa levanta un cordón sanitario, o presidente da Xunta estende unha alfombra vermella», sinalou Méndez.

A dirixente socialista lembrou que o propio Rueda admite que non lle gustan moitos dos postulados de Vox. «E aínda así pide normalizalos. Recoñece o que son e pídelles paso. Esa é a definición exacta do PP de hoxe: un partido que sabe perfectamente con quen pacta e que xa nin sequera busca escusas», declarou.

Méndez referiuse tamén á promesa do presidente de traballar para que Galicia sexa a parte «máis importante en proporción» na vitoria de Feijóo. «Rueda confunde o cargo co posto de xefe de campaña. Galicia non é unha porcentaxe que entregar en Madrid. Aquí hai listas de espera récord, unha crise no mar, mocidade que non pode pagar unha vivenda e o monte ardendo cada verán. Iso si que necesita un presidente a tempo completo», lamentou.

A responsable de Organización do PSdeG pediulle tamén a Rueda que lle conte aos galegos e ás galegas que «cando lle fagan falta os votos da ultradereita, fará exactamente o que hoxe lle recomenda a Feijóo. A porta que abre en Madrid dá directamente a San Caetano. Vox non ten hoxe deputados no Parlamento galego, e o labor dun presidente sería que seguise sen telos, non prepararlle o terreo».

«Os socialistas galegos non estamos dispostos a normalizar a ultradereita e imos lembrarlle a Rueda que o elixiron para gobernar Galicia, non para facerlle de teloneiro a Feijóo e Abascal».

Noticias relacionadas