Aitor Bouza Educación 6 de agosto de 2026

O PSdeG alerta de que a falta de profesorado de apoio está a provocar que alumnado con necesidades especiais teña que repetir curso

Aitor Bouza puxo o exemplo dunha nena con discalculia e dislexia á que a Xunta non lle prestou a atención necesaria e non superou o nivel por suspender “Lingua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas, xusto as materias relacionadas cos diagnósticos que se lle fixeron”

O deputado socialista reclamoulle ao Goberno de Rueda “solucións inmediatas” e que o vindeiro curso escolar non comece con máis recortes “e que as promesas de aumento de profesionais non sexan só un simple anuncio” 

“Recentemente reunímonos co pai dunha alumna do CEIP do Corón, de Meaño, que foi diagnosticada de discalculia e dislexia. Ao rematar o curso, comunicóuselle á familia que tiña que repetir. Suspendeu tres materias: Lingua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas, xusto as relacionadas cos diagnósticos que lle fixeron. Non se lle pode botar a culpa ao profesorado, senón á Administración que non puxo os recursos necesarios para que esta alumna puidese finalizar o curso en igualdade de condicións que os seus compañeiros e compañeiras”. Con ese exemplo ilustrou esta mañá Aitor Bouza os graves problemas que está a provocar a falta de especialistas en pedagoxía terapéutica (PT) e en audición e linguaxe (AL) nas aulas galegas. Neste caso concreto, a rapaza prexudicada non dispuxo de apoio de AL durante os últimos dous cursos. Non se lle prestou axuda específica.

Bouza sinalou que este tipo de casos demostran “que hai unha falta de recursos evidente” no sistema educativo galego e que o modelo “non funciona: falla”. O portavoz de educación do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia recordoulle á Xunta que é “a Administración con competencias e, sobre todo, con recursos e posibilidades para garantir a igualdade de oportunidades no ámbito educativo”. Lembroulle tamén que, grazas ao Partido Socialista, a Cámara autonómica aprobou no último Debate sobre o Estado da Autonomía unha resolución “para que se garanta que haxa profesorado que atenda as necesidades educativas”.

Por iso, o deputado socialista censurou o incumprimento dos acordos parlamentarios e a “discriminación evidente” das persoas que precisan deses recursos. “O que quere a Xunta é que só os nenos e nenas das familias que poidan pagalos no ámbito privado saian adiante e pasen de curso”, dixo sobre algo que cualificou de “absolutamente intolerable”. “Nós non o imos permitir. Imos seguir traballando da man desas familias, dese alumnado e do profesorado”, prometeu.

“Unha absoluta discriminación”

O parlamentario do PSdeG adiantou que, de cara ao inicio do novo curso, o Grupo Socialista vai “poñer o foco” no cumprimento dunha igualdade “real e efectiva” de todo o alumnado. “De nada serve falar, como está facendo o conselleiro, de números e porcentaxes, se cando baixamos á realidade e convertemos eses números en persoas, vemos que hai unha absoluta discriminación”.

“Agardamos que as promesas que está facendo a Xunta sobre un aumento de profesorado non sexan só un simple anuncio, e que comecemos o curso non como estamos vendo nas últimas semanas, con máis recortes de profesorado de PT e AL e de coidadores e coidadoras”, dixo Bouza antes de insistir en reclamar “solucións inmediatas para que ningún neno e ningunha nena teñan que repetir curso por non dispoñer de profesorado suficiente”.

Exclusión dos campamentos municipais das axudas da Xunta

Aitor Bouza referiuse, por outra banda, á recente noticia de que os campamentos municipais para nenos e nenas quedan excluídos das axudas que a Xunta concede ás familias co formato de Bono Concilia. Asegurou que esa medida demostra unha vez máis que o modelo do Partido Popular aposta “por subvencionar o ámbito privado en detrimento do público”, a través dunha política “clasista” que vai “contra a clase traballadora”.

Advertiu que se trata dun “ataque frontal” ás familias que quedan sen axudas e adiantou que a portavoz socialista de política social, Silvia Longueira, presentará proximamente iniciativas parlamentarias contra o “modelo privatizador” do Goberno de Rueda. “Rueda aposta polo ‘Galicia Caridade’ para que os galegos e as galegas teñan que pedir esmolas en vez de ter dereitos”, criticou en referencia ao xeito no que o PP está xestionando axudas de carácter social, a base de bonos.

Noticias relacionadas