Patricia Otero invítao a “deixarse de escusas e poñerse a negociar” no marco da Comisión Mixta de Transferencias
A deputada socialista lembrou que, “malia o voto en contra do PP e Vox”, agora existe unha lei que habilita que a autoestrada pase a ser titularidade da comunidade autónoma
A secretaria de Transportes e Mobilidade Sustentable do PSdeG, Patricia Otero, criticou esta mañá o acordo do Consello da Xunta de onte respecto da AP-9. Rueda anunciou tras a reunión que o Goberno galego ía solicitar a convocatoria da Comisión Bilateral de Cooperación entre o Estado e a comunidade autónoma antes de negociar na Comisión Mixta de Transferencias, que é o órgano legalmente previsto para acordar os termos do traspaso da autoestrada do Atlántico a Galicia.
A tamén deputada socialista, que o pasado 27 de xullo defendeu no Congreso a Lei Orgánica 3/2026, que regula a transferencia, censurou o que a todas luces é unha manobra dilatoria por parte do PP. “A Xunta debe deixarse de escusas e poñerse a negociar, porque as condicións están claras na lei”, asegurou.
Otero invitou a Rueda e ao Partido Popular a non tratar de atrasar a reunión da Comisión Mixta “só para xustificar as súas mentiras” e insistiu en que, pese ao voto en contra de PP e Vox da man, “agora existe un texto legal que permite este traspaso”. A norma aprobouse cun amplo consenso da Cámara, agás a dereita e a ultradereita, logo de que durante os gobernos de Rajoy, con Ana Pastor como presidenta do Congreso, se vetase a súa tramitación.
A parlamentaria do PSdeG recordou as causas da situación actual da AP-9, que mantén unhas peaxes que pagan os galegos e galegas e que o Goberno central palia a través de bonificacións que chegan ata o 75 % do prezo. “Xa que non se opuxeron no seu día á prórroga da concesión que fixo o Goberno de Aznar, e tampouco se opuxeron á privatización da autoestrada que tamén fixo o Partido Popular, é o momento de que se poñan a carón da cidadanía e non bloqueen a Comisión Mixta de Transferencias”, remarcou.
