Carmen Rodríguez Dacosta incendios forestais prevención de incendios 16 de agosto de 2026

O PSdeG esíxelle á Xunta que informe da superficie que leva ardido este verán en Galicia e sobre o número de brigadas municipais operativas

  • Carmen Rodríguez Dacosta sinalou que o Goberno galego só ofrece datos dos lumes que superan as 20 hectáreas, malia que se están a producir numerosos incendios en toda a comunidade
  • Recordou que os socialistas levan tempo advertindo das eivas dun modelo “precario e desfasado” que impide que moitos equipos contraincendios se formen ata xa avanzada a época de alto risco
  • “Unha cousa son os medios que Rueda anuncia sobre o papel e outra os que realmente están no territorio”, criticou a deputada socialista

“A Xunta ten que explicar que está pasando realmente este verán cos incendios”, reclamou hoxe a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta logo de constatar que se están rexistrando numerosos lumes por toda a xeografía galega, pero sobre os que a Administración autonómica non está a informar. Dacosta sinalou que o Goberno de Rueda só fai públicos os datos dos incendios que superan as 20 hectáreas, “pero xa houbo moitos que quedaron por debaixo desa superficie e que tamén deben formar parte do balance desta campaña”, esixiu.

Rodríguez Dacosta uniu a esa falta de transparencia a situación das brigadas municipais previstas no Plan de prevención e defensa conta os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que este ano se volveu formalizar con atraso. “Tampouco sabemos cantas están realmente constituídas e operativas”, dixo antes de lembrar: “Desde o PSdeG levamos tempo advertindo que este é un modelo precario e desfasado”.

A parlamentaria socialista criticou que eses equipos se forman con persoal con contratos de só tres meses, con “dificultades dos concellos para atopar efectivos”, e que finalmente se constitúen “a finais de xuño ou xa en agosto, cando Galicia está en plena época de alto risco”.

Desaparición de 151 brigadas en sete anos

Proba do problema é que entre o 2016 e o 2023 pasaron de funcionar 263 brigadas municipais a só 112. Ese sistema obsoleto e ineficaz provocou a desaparición de 151 equipos en só sete anos. Ese mesmo 2023, 78 concellos gobernados polo Partido Popular non foron quen de constituír brigadas malia que estaban adheridos ao convenio coa comunidade autónoma. Para o 2024, a Xunta xa non informou de cantas se puideran poñer en marcha.

Carmen Rodríguez Dacosta defendeu que a prevención do lume “non pode comezar en agosto”, que é o que está a ocorrer en moitos puntos da xeografía galega, e insistiu en preguntar “cantos incendios levamos, cantas hectáreas arderon e cantas brigadas municipais das previstas no Pladiga están realmente traballando, porque unha cousa son os medios que Rueda anuncia sobre o papel e outra os que realmente están non territorio”.

Noticias relacionadas