A secretaria de Organización, Lara Méndez, advertiu: “A demonización de quen pensa diferente acaba xerando un caldo de cultivo para a intolerancia e a violencia política”
O secretario xeral ferrolán, Ángel Mato, alertou de que as pintadas que apareceron esta mañá na sede socialista, mais alá de atacar ao PSOE, agochan un ideario xenófobo e racista
O acto vandálico súmase ás numerosas agresións que se veñen producindo contra dependencias do Partido Socialista durante os últimos anos
O PSdeG mostrou hoxe, a través da súa secretaria de Organización, a condena “rotunda” ao novo ataque que se vén de producir contra a Casa do Pobo de Ferrol. A sede socialista apareceu esta mañá vandalizada con pintadas insultantes, “mensaxes de odio e intolerancia que son inaceptables nunha sociedade democrática”, afirmou Lara Méndez.
Méndez advertiu que este tipo de actos “son unha consecuencia preocupante da polarización política e da normalización de mensaxes de confrontación” promovidas pola extrema dereita e que o PP está normalizando xa nos seus discursos, vinculándose cada vez máis a Vox. “Son unha agresión directa á convivencia democrática”, asegurou.
“Cando se normalizan o odio, o insulto e a demonización de quen pensa diferente, acábase xerando un caldo de cultivo para a intolerancia e a violencia política”, alertou a secretaria de Organización do PSdeG, que, fonte a esas actitudes, reivindicou “democracia, convivencia e liberdade”.
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, tamén atribuíu este tipo de ataques ás “mensaxes ultras que inundan o debate público” e manifestou que incluso poden estar directamente promovidos pola extrema dereita. Advertiu, ao mesmo tempo, que non se trata de accións dirixidas unicamente contra o Partido Socialista, senón que agochan o ideario xenófobo e racista que difunden os radicais.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista recordou que non é a primeira vez que a Casa do Pobo de Ferrol sofre accións similares e asegurou que só serven para que os socialistas se reafirmen nos seus valores. “Seguiremos defendendo a democracia, a solidariedade e os dereitos humanos fronte aos intolerantes que só teñen un obxectivo: xerar odio”, afirmou.
Mato cualificou de “intolerable” o uso que se está a facer dunha “auténtica catástrofe humanitaria” coma a de Ceuta (á que fan referencia as pintadas), ante a que o Goberno “reaccionou con celeridade e proporcionalidade”, e adiantou que a Agrupación Socialista ferrolá presentará esta mesma mañá unha denuncia ante a Policía Nacional.
Campañas contra as sedes socialistas
A sede socialista da rúa Carme xa fora vandalizada en novembro de 2023. Ocorreu durante unha campaña contra as casas do pobo na que en Galicia tamén sufriron ataques dependencias do partido coma as de Vimianzo, Lugo, Foz, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Poio ou Cangas.
Naquela época, nun período de menos de seis meses, contabilizáronse máis dun cento de ataques en toda España. Foi tras as eleccións de xullo de 2023 e a posterior investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno en novembro daquel ano.
Antes, entre finais do 2010 e o 2011, producíronse atentados aínda máis graves contra sedes coma as de Teo, Negreira e Carral. Nos dous primeiros casos, con artefactos explosivos, e no terceiro, co lanzamento dun cóctel molotov.
