Paloma Castro sinalou que o consumidor “nin sabe nin pode distinguilo” e defendeu que é necesario ofrecerlle información da súa orixe “tanto en tendas coma en restaurantes”
A deputada socialista destacou que, con “máis transparencia e máis control”, apoiarase á frota, ás confrarías “e a centos de familias que viven do mar”
O Grupo Socialista levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar á Xunta a promover “un sistema de identificación clara, visible e inequívoca da orixe do polbo” que se comercializa na comunidade. A portavoz de pesca, Paloma Castro, alertou hoxe sobre “unha triste realidade que pasa desapercibida” para o Goberno de Rueda, como é que gran parte do polbo que se consume en Galicia “vén de fóra, e moitas veces o consumidor non sabe nin pode distinguilo do produto galego”.
A deputada do PSdeG defendeu a necesidade de ofrecer “máis transparencia, máis control e máis información”, “tanto en tendas coma en restaurantes”, porque detrás dun produto con tanta tradición hai un importante tecido económico. “Cando escollemos polbo galego, estamos apoiando á nosa frota, ás confrarías e a centos de familias que viven do mar”, salientou.
A iniciativa que os socialistas defenderán na Cámara autonómica destaca que malia que a normativa actual establece obrigas de información sobre a orixe do polbo nas distintas fases da cadea comercial, o consumidor final non sempre dispón desa información, “especialmente nos establecementos de restauración e nalgunhas modalidades de comercialización” o que prexudica ao produto galego.
Sinala tamén que os representantes do sector pesqueiro “veñen advertindo que esa falta de diferenciación contribúe a unha competencia desleal” e dificulta que o polbo galego teña “un prezo acorde coa súa calidade e co esforzo realizado polos profesionais do mar”. A iso únese que os consumidores “teñen dereito a coñecer a procedencia dos alimentos que adquiren”.
Por todo o anterior, e atendendo ás competencias que a Xunta ten en materia de promoción de produtos pesqueiros, consumo e control da cadea alimentaria, os socialistas reclámanlle ao Goberno galego que impulse as medidas necesarias para protexer o produto autóctono e que as promova tamén ante o Estado e a UE cando sexa preciso adaptar o marco normativo vixente. Ademais, demanda unha intensificación das inspeccións para garantir a trazabilidade de orixe do polbo comercializado en Galicia, como tamén a posta en marcha de campañas de información e sensibilización dirixidas á cidadanía e aos operadores.
