Paloma Castro lembra que a Xunta e o Sergas “sabían o que ía pasar e non fixeron nada” para garantir a plena atención sanitaria no consultorio
Pontevedra, 19 de agosto de 2026. A parlamentaria socialista Paloma Castro levará ao Parlamento unha batería de iniciativas parlamentarias para denunciar o peche intermitente do Centro de Saúde de Ponte Sampaio –Pontevedra- durante o verán. Castro participou na concentración dos veciños e veciñas da parroquia pontevedresa, que se reuniron un novo mércores logo da decisión do Sergas de pechar o servizo de maneira intermitente durante o verán.
A responsable socialista trasladará ao Parlamento as protestas dos veciños e veciñas diante da suspensión de citas, a redución de servizos e a obriga dos usuarios de desprazarse a outros centros sanitarios de Pontevedra ou ao PAC da Parda para obter asistencia. A responsable socialista advirte que a situación “vai máis alá dunha incidencia puntual” pola falla de persoal, e esixe “medidas que garantan o futuro do consultorio e asistencia estable todo o ano”.
Denunciou a “incompetencia” da xerencia do Sergas, que “sabía das vacacións e das baixas laborais do persoal do consultorio e non fixo nada para evitalo, e as consecuencias as está a pagar agora a veciñanza”. Lembrou que “a Xunta e o Sergas teñen a obriga de garantir a atención sanitaria plena tamén nos meses de verán”, e esixiu unha “solución estable” para este servizo.
Emprazou ao goberno galego a “garantir que a situación deste verán non supoña o primeiro paso para o peche definitivo do Centro de Saúde. Por iso esixiulle aos responsables da Sanidade pública que garantan o mantemento do consultorio dentro da rede pública de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, descartando expresamente “calquera redución permanente da súa actividade ou dos servizos que presta”.
Explica que a situación deriva da decisión da xerencia de pechar o centro dende finais de xullo, cando quedou sen persoal médico e de enfermaría debido ás baixas laborais e as vacacións do persoal titular. Diante das protestas veciñais, decidiron implantar un funcionamento intermitente no consultorio pola súa incapacidade para atopar persoal, recorrendo á prolongación de xornada de outros profesionais.
A responsable socialista sinala que esta resposta é de todo punto insuficiente, xa que se trata dun servizo esencial nun concello cunha importante presenza de persoas maiores, e que nesta temporada rexistra un incremento pola poboación flotante debido entre outras cousas ao paso do Camiño de Santiago.
