Patricia Iglesias Repotenciacións eólicas 10 de agosto de 2026

Patricia Iglesias valora as axudas do Estado para a modernización de eólicos fronte a unha Xunta «que impón repotenciacións sen planificación»

Salientou que Galicia será a comunidade máis beneficiada polas subvencións do plan Repoten 2, que promove a Administración central, con 174 millóns de euros destinados a 24 parques de aeroxeradores e 16 centrais hidroeléctricas

A deputada do PSdeG advertiu que as políticas do Goberno de Rueda fan presaxiar “unha consecuencia directa sobre os concellos, que poden perder unha parte moi importante da recadación do canon”

A portavoz de enerxía e industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, valorou hoxe que, “mentres a Xunta impón repotenciacións sen planificación, o Goberno de España apoia e financia a modernización das renovables galegas”.

Sinalou así as diferenzas entre as políticas que impulsan ambas administracións, destacando os 174 millóns de euros que o Estado vén de conceder a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) a 40 instalacións na comunidade, fronte a un Executivo de Rueda que obriga a repotenciar sen ter solucionado os efectos a nivel local. “Isto ten unha consecuencia directa sobre os concellos, que poden perder unha parte moi importante da recadación do canon eólico”, advertiu.

A deputada do PSdeG mostrouse “a favor” desas repotenciacións, que implican a substitución de máquinas antigas por outras moito máis eficientes, de modo que se reducirá considerablemente o seu número e producirán máis enerxía limpa. “Do que estamos en contra é de facelo sen planificar, sen seguridade xurídica e sen garantir un retorno económico para os territorios que soportan os parques eólicos”, afirmou sobre o “caos” no que os sucesivos gobernos do PP foron sumindo ao sector.

Iglesias salientou que Galicia será a comunidade autónoma “con máis proxectos seleccionados” para esta segunda convocatoria do programa Repotenciación Circular do IDAE, que financiará actuacións en 26 instalacións eólicas e en 16 centrais hidroeléctricas distribuídas entre as catro provincias.

“Hai dúas formas de abordar a transición enerxética: poñendo recursos e pensando no retorno económico para os concellos e a xente, ou impoñendo e improvisando como fan a Xunta e o Partido Popular”, insistiu a parlamentaria socialista en referencia á situación que segue arrastrando a comunidade, cun plan sectorial que data de 1997 e non responde a unha realidade tecnolóxica, ambiental e territorial que, desde entón, cambiou por completo.

Noticias relacionadas