Dependencia Silvia Longueira 14 de agosto de 2026

Silvia Longueira: “Rueda vailles recoñecer agora aos dependentes os seus dereitos ou vai seguir tratando de enganalos con ese bono caridade de 416 euros?”

  • A deputada socialista mostrou a súa preocupación polos plans da Xunta despois de que o Goberno acordase incrementar en 270 millóns de euros as achegas para financiar da dependencia
  • “Non se pode coaccionar ás persoas”, advertiu respecto do falso dilema de elixir entre agardar anos ou aceptar só a cantidade insuficiente que ofrece a Administración galega 

A portavoz de política social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, mostrou hoxe a súa preocupación “respecto dos plans da Xunta con motivo deses 270 millóns de euros adicionais que vai achegar o Estado” para o financiamento do sistema de dependencia en Galicia, uns cartos que, “de feito, xa están chegando desde xullo” ás arcas autonómicas. Segundo advertiu, esa cantidade, distribuída entre o presente ano e o vindeiro, débese destinar “directamente a garantir os dereitos dos cidadáns”.

Longueira recordou que hai unhas semanas a conselleira dicía que a medida aprobada no Consello de Ministros “era papel mollado”, mais “está en vigor desde xullo”, insistiu. “Para nós, ten que traducirse en, como mínimo, nun investimento medio mensual de 1.320 euros por persoa para cubrir as necesidades dos grandes dependentes”, afirmou. A parlamentaria do PSdeG explicou que, se a Administración central vai achegar agora 660 euros por persoa e mes, a autonómica debe “cubrir o outro 50 %”.

“A pregunta fundamental é: o Goberno de Rueda vailles recoñecer agora aos dependentes os seus dereitos ou vai seguir tratando de enganalos con ese bono caridade de 416 euros”, dixo en referencia á axuda que a Xunta vén utilizando para desentenderse da atención directa a quen o precisan.

Silvia Longueira criticou que o PP desprace ás persoas dependentes “cara un sistema de caridade, que é o que está a facer neste momento”, e reclamou que se trate aos cidadáns “como suxeitos de dereito”.

Censurou tamén que a conselleira insista na existencia dunha débeda de 3.000 millóns de euros con Galicia por parte do Estado no eido da dependencia mentres “o que non di” é que foi o Executivo de Rajoy “o que xerou a débeda na súa gran maioría” entre os anos 2011 e 2018, ao rebaixar as súas contribucións ao sistema a cotas de ata o 21 %. A deputada socialista asegurou que esa débeda, “que, evidentemente, non é de 3.000 millóns”, débese reclamar “coas contas claras e asinadas nun papel”.

Longueira detallou o que implicarán para Galicia as novas cifras para o financiamento da dependencia, e que se traducen nunha “reformulación do sistema”. As contías para o grao III incrementaranse un 128 %, ao pasar de 290 a 660 euros por dependente e mes. No caso do grao II, dóbrase a cantidade: de 130 a 260 euros. E para o grao I, o aumento é dun 18 % (de 76 a 90 euros).

“Eses cartos non poden servir para que o PP encha a boca dicindo que ten resolta a dependencia, que aumentaron as solicitudes que xa están cobrando, pero o que están cobrando é ese bono caridade, e non obtendo os dereitos tal como están recoñecidos na lei”, salientou.

Meirás, lugar de memoria democrática

Silvia Longueira iniciou a súa comparecencia celebrando a declaración definitiva do pazo de Meirás como lugar de memoria democrática, ao publicar o Boletín Oficial do Estado na súa edición de hoxe a resolución do pasado 6 de agosto da Secretaría de Estado que pon fin á tramitación desa distinción.

A deputada do PSdeG salientou a “boísima noticia” para todos os galegos e galegas, “e tamén para todo o Estado”, tras anos de loita, “con moita implicación da veciñanza”, e trasladou a súa gratitude ao Goberno e, en especial, ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, “pola súa implicación tan directa”.

Noticias relacionadas