A deputada Silvia Longueira: «Anuncian campamentos públicos por unha porta e penalizan por outra ás familias que os usan»
A exclusión afecta tamén aos campamentos da propia Campaña de Verán da Xunta, dos que o presidente presumía esta mesma semana
Santiago de Compostela, 05 de setembro de 2026. Se este verán levaches ao teu fillo ao campamento do concello, non cobras. Esa é, en resumo, a novidade que introduce a orde do Bono Concilia Familia que a Consellería de Política Social e Igualdade publicou o martes no Diario Oficial de Galicia. Quedan excluídos os campamentos organizados directa ou indirectamente por calquera administración pública. Só se subvencionan os privados.
«Anuncian campamentos públicos por unha porta e penalizan por outra ás familias que os usan», denuncia a deputada socialista Silvia Longueira, portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Socialista. «As familias non escollen entre público e privado por ideoloxía. Escollen o que atopan, cando o atopan e polo que poden pagar. Moitas combinan os dous porque non hai onde máis acudir.»
A exclusión chega ao absurdo de alcanzar á propia Xunta. A orde deixa fóra, con nome e apelidos, os campamentos da Campaña de Verán 2026, eses dos que o presidente galego presumía o mércores: 11.932 prazas e 5,5 millóns de euros. Esas prazas non dan dereito ao bono. A administración que organiza o campamento é a mesma que despois lle nega a axuda á familia que o usou.
E chegou tarde. A orde saíu no DOG o 1 de setembro, coa tempada rematada, e cobre gastos feitos desde o 1 de xaneiro. As familias reservaron praza na primavera e pagaron en xuño e en xullo sen saber que aquel campamento as ía deixar fóra. A conselleira Fabiola García avanzouno o 5 de agosto, nunha visita a un campamento de surf en Muxía, cando xa non había marxe para cambiar de opción.
«Cámbianse as regras co partido empezado», resume Longueira. «Unha familia que fixo o esforzo económico en xuño non ten forma de desfacelo en setembro».
A segunda pata do problema é como se reparte o que queda. O bono tramítase en concorrencia non competitiva, sen ningún baremo. A orde establece que a subvención se concede en actos sucesivos ata esgotar o crédito, que este ano é de 2.663.867 euros, e que a prelación a marca a data de presentación da documentación completa. O prazo abre o 9 de setembro ás nove da mañá. Cando remate a partida, a Consellería publicará o esgotamento e inadmitirá o resto de solicitudes.
A renda familiar non se mira en ningún momento. A palabra vulnerabilidade non aparece na orde nin unha soa vez. «Pode quedar sen axuda unha familia con dificultades reais por presentar a solicitude o día 20, e cobrala outra con máis marxe por presentala o día 9», advirte a deputada. «Chámanlle política social a repartir por orde de chegada.»
Longueira rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia. Unha interpelación para que a Consellería explique cal é a planificación e cales son os obxectivos reais da súa política de bonos. Unha pregunta oral sobre que alternativa lles queda ás familias que xa pagaron campamentos e quedan fóra da axuda. E unha proposición non de lei que reclama dúas cousas: cambiar o sistema de acceso para que se baremen as condicións económicas, sociais e de vulnerabilidade das familias e dos menores, incluíndo as que acudiron a campamentos das administracións públicas, e habilitar unha liña de axudas para as familias que queden fóra desta convocatoria e teñan unha situación socioeconómica que o xustifique.
«Se o obxectivo é axudar a quen máis o necesita, haberá que empezar por mirar a quen se está axudando», conclúe, porque «agora mesmo ninguén o está a facer”.
