O secretario xeral do PSdeG lamenta a decisión do Tribunal Supremo de suspender de forma cautelar a inscrición no censo electoral das persoas que obtiveron a nacionalidade pola Lei de Netos
Besteiro deixou clara a posición do partido ante a resolución: «Acatamos esta decisión pero seguiremos defendendo os dereitos dos emigrantes galegos e das súas fillas, fillos, netas e netos. Non imos dar un paso atrás»
“A emigración galega está hoxe absolutamente decepcionada por una decisión que afecta aos dereitos dos seus descendentes”, sinalou o socialista»
Santiago de Compostela, 08 de setembro de 2026.- O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, expresou hoxe a súa disconformidade coa resolución do Tribunal Supremo que suspende de maneira cautelar a inscrición no Censo Electoral de Residentes Ausentes das persoas que accederon á nacionalidade española a través da Lei de Memoria Democrática, coñecida como Lei de Netos. «Discrepamos dunha resolución que, de feito, crea a categoría de cidadáns españois sen dereito a voto», afirmou.
Besteiro sinalou que a emigración galega «está hoxe absolutamente decepcionada e doída» por unha decisión que afecta aos dereitos dos seus descendentes. «Estamos ante unha aspiración que todos os emigrantes comparten e ante unha decisión xudicial que lles toca unha seguridade que crían gañada. Non a entenden, e teñen motivos para non entendela», engadiu.
«A responsabilidade de Feijóo e de Rueda é indiscutible»
O líder socialista foi rotundo á hora de sinalar responsabilidades políticas. «Hoxe é unha xornada triste para a emigración. E a responsabilidade de Feijóo e de Rueda é indiscutible: alimentaron isto durante todo o verán», afirmou. Besteiro lembrou que Feijóo abriu a ofensiva a finais de xuño acusando o Goberno de alterar o censo e ameazando con derrogar a Lei de Memoria Democrática, que Rueda a secundou ao día seguinte esixindo unha «conexión real» con España que non figura en ningunha lei, e que en xullo o PP levou ao Ministerio de Xustiza unha petición para frear o censo case idéntica á que xa presentara Vox. «Sementaron a sospeita sobre dereitos que xa estaban recoñecidos, e estas son as consecuencias», engadiu.
Besteiro reprochoulle ademais a Feijóo que reaccionase á decisión do Supremo cun «tiñamos razón». «Que celebre hoxe que haxa miles de galegos do exterior sen poder votar di todo do que lle importa a emigración. Iso non é ter razón, é ter unha débeda coa diáspora que non vai poder pagar en Bos Aires nin en Montevideo», afirmou.
Besteiro lembrou que hai apenas mes e medio percorreu Arxentina e Uruguai, onde se reuniu coa colectividade galega no Centro Betanzos e no Centro Galicia de Bos Aires e con entidades e familias da diáspora en Montevideo. «Díxenllelo alí e repítoo hoxe aquí: nin un paso atrás. Estes dereitos non son unha concesión nin un privilexio, son unha reparación», indicou
«Acatamos, pero non imos deixar de defender os dereitos da emigración»
O secretario xeral do PSdeG deixou clara a posición do partido ante a resolución. «Acatamos esta decisión pero seguiremos defendendo os dereitos dos emigrantes galegos e das súas fillas, fillos, netas e netos. Non imos dar un paso atrás», asegurou.
Besteiro recordou ademais que se trata dunha medida cautelar e non dunha sentenza, e que tanto a Avogacía do Estado como a Fiscalía defenderon ante o Supremo o dereito fundamental ao voto destas persoas. «Queda proceso por diante e imos estar aí, como estivemos sempre».
A Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo estimou as medidas cautelares que reclamaban a ultradereita de Vox e Iustitia Europa nos seus recursos contra o acordo adoptado en xullo pola Xunta Electoral Central. Aínda que a decisión non retira a nacionalidade a ninguén, deixa en suspenso a incorporación ao censo, agás para quen acredite documentalmente ser fillo ou neto de exiliados, mentres non haxa sentenza.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE
