Sobre a AP-9, acúsao de usar a comisión bilateral e o recurso de inconstitucionalidade para gañar tempo: «Se non quere a transferencia, que o diga claramente e non engane a xente»
No caso dos menores que chegaron sós a Ceuta, Besteiro pediu non usalos como arma política: «Un neno non é unha ameaza, é un neno. Veña de onde veña, de Ucraína ou de África»
Criticou que a falta de planificación de Rueda en temas como a seca, incendios, vivenda e sanidade agrava todos os problemas: «Mire, señor Rueda, cando unha persoa está enferma, un anuncio da Xunta non cura»
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG-PSOE e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, levou hoxe á sesión de control as emerxencias que se acumulan en Galicia e rematou co diagnóstico que resume o seu discurso: «Señor Rueda, vostede non terá un plan para todo, pero ten un culpable para cada cousa».
Abriu cunha advertencia: «Teño unha mala noticia e outra pésima. A mala: Galicia sofre varias emerxencias. A pésima: vostedes levan anos gobernando e aínda actúan como se acabasen de chegar». Cando un problema se repite e a resposta chega tarde, dixo, xa non se pode falar de mala sorte. Fálase de falta de previsión e de planificación.
Na réplica engadiu unha emerxencia máis á lista: a AP-9. «Traballando todos para conseguir a transferencia e agora non lles interesa. E non teñen o valor de dicirlle claramente á cidadanía galega que non a queren», reprochoulle a Rueda. Besteiro desmontou o camiño que propón a Xunta: unha comisión bilateral co Goberno para falar do traspaso. «E iso que sentido ten? O lóxico é sentarse na Comisión Mixta de Transferencias e acordar a transferencia. Incluso pode negarse a facela, está no seu dereito. Pero polo menos non mintan».
O que hai detrás, dixo, é un calendario para non recibir nunca a autoestrada. «Xa sabemos a solución: o recurso de inconstitucionalidade, que nunca falla para gañar tempo. Primeiro a comisión bilateral, e vaise gañando tempo. Despois o recurso, e gáñase máis tempo. Todo para non facer efectiva a transferencia da AP-9.» E deixou un aviso: «Ese recurso formularase seguro, porque a comisión bilateral non vale para nada. Non queren que funcione. Se non, irían directamente á Comisión Mixta de Transferencias».
A primeira parada da pregunta inicial foi para a auga. O líder socialista lembrou que a seca deste verán non colleu a ninguén por sorpresa: houbo avisos en 2016, 2017, 2022, 2023, 2024 e o verán pasado. A finais de agosto había 32 concellos en alerta ou escaseza severa e outros 59 en prealerta na demarcación Galicia-Costa, baixo responsabilidade directa de Augas de Galicia. Noventa e un en total. «Despois de anos contemporizando co negacionismo climático, o seu Goberno descubriu a seca cando empezou a faltar a auga».
E, dixo Besteiro, chegou a solución máxica: encoros. Cantos? Onde? Con que planificación? «Lanzaron titulares, pero despois choveu e parece que tamén se lle mollou o plan. Ou o anuncio dun plan. Outro máis», ironizou. Cos incendios funciona o mesmo mecanismo: «Arde Galicia? A culpa é dos concellos porque non limpan. Falta auga? A culpa é dos concellos porque teñen perdas nas redes».
Da vivenda dixo que é un dereito convertido en luxo. Dezasete anos de gobernos do PP despois, o Rexistro Único de Demandantes contaba 35.458 persoas inscritas o 7 de agosto, segundo os datos do propio Instituto Galego da Vivenda e Solo. «Explíquelle vostede a unha moza cun salario de 1.300 euros como paga 800 de alugueiro e constrúe un proxecto de vida mentres deixa sen executar os orzamentos de acceso á vivenda», interpelou a Rueda. A vivenda, resumiu, «deixou de ser unha preocupación para converterse nunha angustia».
Coa sanidade, o mesmo desaxuste entre o anuncio e a realidade. «Vostedes anuncian plans, cifras e titulares. Pero a realidade mídese doutra maneira: en días esperando por unha cita en atención primaria, que chegan a quince, en profesionais saturados e en familias que non saben cando serán atendidas. Esa é a estatística que importa cando un está enfermo.» E rematou o bloque cunha frase directa: «Cando unha persoa está enferma, señor Rueda, un anuncio da Xunta non cura. Curan recursos, profesionais e planificación».
Houbo tamén un apartado para a crise migratoria. «En Ceuta hai menores que chegaron sós. Menores, señor Rueda. Non expedientes. Non cifras para utilizar politicamente. Nenos e adolescentes que precisan protección», afirmou.
Besteiro censurou a «solidariedade á carta» que, ao seu xuízo, practican Rueda e Feijóo: «Cos menores ucraínos, solidariedade. Cos menores africanos, sospeita, porque, claro, para vostedes son moros”.
Nesta liña, pediulle ao presidente que lle reclame ao Goberno de España recursos e coordinación, pero marcou unha liña: «Hai algo que non debería cruzar, que é utilizar a vulnerabilidade dun menor para alimentar o medo e dividir a sociedade. Porque un neno non é unha ameaza, é un neno, veña de onde veña».
Para afrontar todas esas emerxencias, sostivo, fan falta dúas cousas: convicción política e recursos. Das dúas, o presidente anda escaso. Recordoulle a súa ausencia do Consello da Xunta do luns para acudir a un acto do PP en Madrid: «O PP por riba de Galicia, outra vez».
E recursos. Aquí Besteiro volveu sobre o financiamento autonómico. A semana pasada pediulle á Xunta que dixese, con cifras e non con conceptos xenéricos, que posición levou ao Consello de Política Fiscal e Financeira e se esa posición estaba consensuada co resto de comunidades do PP. «Silencio. Nada de nada. O silencio é, unha vez máis, os intereses do Partido Popular fronte aos intereses de Galicia», afirmou. Nin cifras, nin modelo. Mentres, a Xunta renuncia á condonación da débeda.
Na réplica tocou tamén a educación, onde reclamou afrontar «cuestións básicas» como a gratuidade dos libros de texto e máis profesorado en lugar de botarlle a culpa ao Estado, e a Lei de Netos. Sobre esta, lembrou o entusiasmo do PP cando vai á Arxentina defender a emigración e o contraste co que fai agora: «Temos uns nacionais a medias, porque o principal dereito dun nacional é votar. Pero o PP prefire facerlle caso a Vox».
O peche de Besteiro foi para instar a Rueda a traballar dunha vez: «Menos buscar culpables e máis buscar solucións. Porque para comentar os problemas xa temos as tertulias. A vostede Galicia págalle para resolvelos».
