Ceuta José Ramón Gómez Besteiro Transferencia AP9 7 de septiembre de 2026

Besteiro acusa a Rueda de buscar «subterfuxios» para atrasar a transferencia da AP-9: «O PP non a quere e debería dicilo abertamente»

Critica que o presidente da Xunta estea hoxe en Madrid «no día do patriotismo de pulseriña» en lugar de presidir o Consello da Xunta e colaborar na atención e reubicación dos menores migrantes chegados a Ceuta

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao Goberno de Alfonso Rueda de intentar atrasar a transferencia da AP-9 mediante a ameaza dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei aprobada no Congreso. «O PP de Galicia non quere a transferencia da AP-9 e debería dicilo abertamente», afirmou Besteiro, que considera que a Xunta está recorrendo a un «subterfuxio» para gañar tempo e demorar a aplicación da lei.

O líder socialista explicou que a convocatoria dunha Comisión Bilateral entre o Estado e a Xunta responde ao procedemento previo previsto no artigo 33.2 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional cando unha das partes anuncia a súa intención de presentar un recurso de inconstitucionalidade. «Agora xa sabemos o dato que faltaba. A Comisión Bilateral non se pide para negociar a transferencia, senón porque a Xunta pretende cuestionar a lei que a fai posible», sinalou.

Besteiro lembrou que o órgano no que corresponde negociar as condicións concretas dunha transferencia é a Comisión Mixta de Transferencias. «Se a Xunta quere recibir a AP-9, que sente nesa comisión, negocie e defenda as condicións que considere. O que non ten sentido é buscar outra vía para retrasar a aplicación dunha lei xa aprobada», afirmou.

Ao seu xuízo, a actuación do Executivo galego deixa clara a posición política do PP: «Non queren a transferencia. Entre que se reúne a Comisión Bilateral, se hai acordo ou non e se finalmente presentan o recurso, van gañando tempo».

O día do patriotismo de pulseriña

Preguntado pola ausencia de Alfonso Rueda no Consello da Xunta para participar en Madrid nun acto relacionado coa situación de Ceuta, Besteiro cualificou a decisión como «fondamente equivocada».

«Hoxe parece que toca o día do patriotismo de pulseriña. Imos todos a Madrid a seguir confrontando, en vez de facer o que hai que facer: colaborar con Ceuta e contribuír á reubicación dos menores migrantes non acompañados que necesitan da solidariedade do conxunto das comunidades autónomas», afirmou.

Besteiro acusou o Partido Popular de utilizar a cuestión migratoria para alimentar a confrontación e de asumir cada vez máis os marcos políticos de Vox.

«Sempre que se lle pide responsabilidade e altura, o PP responde amplificando a confrontación en lugar de axudar a resolver os problemas», sinalou. Lembrou, ademais, que o propio presidente de Ceuta reclamara días atrás a colaboración do resto de España para aliviar a presión sobre a cidade autónoma e facilitar a acollida dos menores.

O secretario xeral do PSdeG defendeu que a resposta á situación migratoria debe facerse «con coordinación, lealdade institucional, respecto á legalidade e respecto aos dereitos humanos», atendendo ás distintas circunstancias das persoas chegadas a Ceuta e aos procedementos establecidos en cada caso.

«O que non pode facerse é converter unha situación que require xestión, cooperación e responsabilidade nunha nova oportunidade para a confrontación política», afirmou.

Financiamento autonómico

Besteiro referiuse tamén á posición de Junts sobre o financiamento de Cataluña e reiterou o seu rexeitamento a un sistema de cupo ou concerto.

«Non compartimos que o financiamento de Cataluña sexa un cupo ou un concerto», afirmou. Ao seu xuízo, a reclamación formulada agora por Junts confirma precisamente que a proposta abordada no Consello de Política Fiscal e Financeira «nunca foi un cupo catalán, por moito que o PP o repetise».

Besteiro volveu reclamar ao Goberno galego que concrete a súa alternativa ao modelo de financiamento. «Cal foi a proposta económica que levou o conselleiro da Xunta ao Consello de Política Fiscal e Financeira? En que cantidade se traduce? E conta co apoio das demais comunidades gobernadas polo PP?», preguntou.

Para o líder socialista, a Xunta segue sen dar resposta a esas cuestións. «O PP de Galicia non ten un modelo de financiamento autonómico ou, se o ten, non o coñecemos. Non hai unha soa cifra concreta nin sabemos que recursos adicionais pretende conseguir para Galicia», afirmou.

Besteiro advertiu ademais de que calquera proposta que presente o Goberno galego debe aclarar se conta co respaldo das restantes autonomías gobernadas polo Partido Popular: «É importante sabelo agora para non levarnos despois ningunha sorpresa».

Noticias relacionadas