José Ramón Gómez Besteiro PARLAMENTO DE GALICIA 23 de septiembre de 2026

Besteiro acusa a Rueda de repartir os dereitos segundo onde vivas, a quen votas e os cartos que tés

O líder socialista denuncia na sesión de control que catro de cada dez persoas en Galicia viven en núcleos sen equipamentos sanitarios nin educativos públicos, que 23 das 25 novas residencias van para concellos do PP e que 36.200 persoas agardan por unha vivenda pública»

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Alfonso Rueda de gobernar unha Galicia na que os dereitos dependen do lugar onde vives e da cor política do teu concello. E tamén do que tes na conta. «En Galicia o código postal non soamente nos di onde vives, senón que dereitos tes», advertiu no Parlamento.

Besteiro partiu dun dato do último informe estatal sobre reto demográfico: catro de cada dez persoas en Galicia viven en núcleos sen equipamentos públicos sanitarios nin educativos. Ningunha comunidade ten unha porcentaxe máis alta. «Iso non é igualdade, iso é unha verdadeira discriminación”.

Unha discriminación con nomes concretos. A dunha veciña da Fonsagrada, de Redondela, de Curtis ou de Verín á que lle din que ten dereito á asistencia sanitaria «pero comproba que durante moitos días do ano non ten esa asistencia médica». A dunha muller en Padrón, Moaña, Allariz ou Portomarín que non atopa o profesorado que necesita. Ou a dunha traballadora que non sabe cando vai chegar ao seu destino «porque os autobuses ou non pasan ou pasan completos».

Pero o socialista foi máis  aló do mapa. «Tamén é unha discriminación, señor Rueda, negarlles recursos a aqueles concellos que non están gobernados, ou que están gobernados polo partido equivocado, segundo vostede.» E puxo cifras: o 80% dos convenios directos da Xunta cos concellos, máis de 200 millóns de euros, acaba en mans do PP. «O 80%. O mellor é que é unha casualidade», ironizou.

A seguinte casualidade é o novo plan de residencias. Das 25 anunciadas, 23 van para concellos do PP, e ata o 40% das 1.800 prazas poderían quedar en mans privadas. «Todo un mapa electoral», resumiu Besteiro. «23, 25, 40 son cifras, si. Pero son cifras que nos din cal é o seu modelo de facer política. Ese modelo de que se non gobernan os meus, quedas atrás, e se non tes cartos, quedas fóra do sistema.»

«Cando a casualidade beneficia sempre aos mesmos, deixa de ser unha casualidade e pasa a ser unha forma de gobernar.» Por iso, para o líder do PSdeG, a conclusión é sinxela: «Os recursos públicos, señor Rueda, deben ir a todos os galegos e galegas con independencia de onde vivan e con independencia do que voten».

Nada disto é froito do azar, insistiu, porque, dixo, «o abandono non se produce por casualidade. Prodúcese por unha decisión política consciente.» Como a vivenda. Hoxe hai 36.200 persoas no rexistro de demandantes de vivenda pública, un 141% máis que cando Rueda chegou á Presidencia. As 10.000 vivendas prometidas ata 2030 «xa non chegan», e mentres tanto o PP bloquea as zonas tensionadas, négase a que a vivenda pública sexa permanentemente pública e despreza propostas como un banco público de aluguer.

O abandono chega tamén a quen vive fóra. «Esa emigración que vostedes homenaxeaban, agora traizoárona. Era de primeira para saír na foto, pero agora os galegos e galegas da emigración son de segunda, porque non teñen dereito a decidir”.

Besteiro pechou a súa intervención cunha pregunta directa ao presidente: «Señor Rueda, non lle parece absolutamente inxusto que neste país a conta corrente, o código postal ou o carné político decidan que dereitos tes e cales quedan atrás?».

Noticias relacionadas